Á procura de vida marciana nas rías galegas

 

Créditos da imaxe: Jorge Pla-García

Se miras ao ceo pola noite, tralo solpor e antes de que remate o día, verás un punto brillante vermello cara o sur. É o planeta Marte. Nestes intres hai unha auténtica flota de naves espaciais investigándoo: orbitadores que xiran ao seu redor, todoterreos automáticos que rodan pola súa superficie e módulos de aterraxe (estes últimos xa convertidos en elementos arqueolóxicos). Coñecer como foi Marte no pasado, se tivo algún tipo de vida, se hai auga no planeta ou incluso se conserva algún tipo de actividades biolóxica son varios dos temas de interese científico actual. E a resposta a algún destes enigmas pode estar máis preto do que pensamos.

Na imaxe vemos un investigador marciano collendo unhas mostras na ría de Vigo. Este investigador forma parte de varios equipos internacionais que están a estudar as variacións na cantidade do metano que hai en Marte. Non está claro se ese metano marciano pode ter orixe biolóxica ou xeolóxica. Na terra coñecemos fontes dese gas dos dous tipos e, precisamente, na ría de Vigo abundan os microorganismos que producen metano en zonas sedimentarias. Iso é o que vai no frasco, unha mostra para definir experimentos futuros.

Hoxe contra as 21:00 horas Marte acollerá un novo inquilino: o módulo de aterraxe Insight. Será  a primeira vez que unha nave fura intencionadamente o solo marciano para estudar a súa estrutura interna. Ademais, este pousador leva a bordo unha sonda meteorolóxica creada no Centro de Astrobioloxía, un laboratorio de finanzamento público (INTA-CSIC) que está asociado á NASA. Aí estará hoxe o protagonista da nosa imaxe, cheo de nervios polo éxito na chegada deste módulo de aterraxe a Marte. Tamén forma parte do equipo de meteoroloxía marciana. Non é a primeira vez que vai unha estación meteorolóxica a Marte, xa que hai unha a bordo do todoterreo Curiosity. Nin será a última, pois outra irá a bordo da futura misión da Axencia Espacial Europea co seu todoterreo ExoMars 2020.

Por certo, os asistentes á AstroGalicia18 puidemos ter nas nosas mans unha copia exacta desa estación meteorolóxica, un modelo que foi sometido ás mesmas probas que ao final se embarcou nas misións marcianas pero que ficou en terra.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024