O volframio cósmico

Créditos da imaxe: Julio Castro Pardo

Unha ampla Vía Láctea do verán érguese por riba desta paisaxe estraña de augas de cor esmeralda.

Á esquerda da imaxe saliéntase o Setestrelo ou Carro Maior, as sete estrelas principais da constelación da Osa Maior. Por baixo e á súa dereita nace o arco da nosa galaxia que remata na constelación do Arqueiro. Milleiros de estrelas no ceo que se amorean nesa franxa de pó cósmico e hidróxeno que resulta ser o plano principal da galaxia á que pertence o noso Sol. Estrelas de diferente natureza, idade, tamaño, estrutura e destino.

Moitas delas, coma a nosa, rematarán as súas vidas formando ananas brancas, cando o consumo do combustible nuclear que as alimenta (a fusión de átomos de hidróxeno) non sexa quen de loitar contra a gravidade que as mantén unidas, esparexendo polo universo os elementos químicos que foron formando no seu interior mediante un proceso denominado nucleosíntese. Algúns deses átomos serán de volframio (ou tungsteno). Pasado o tempo, este material dará lugar a novas estrelas e planetas ao seu redor, feitos cos refugallos de estrelas xa mortas.

Na parte baixa da imaxe están os restos dunha antiga mina de Volframio aos pés do monte Neme (Carballo, A Coruña). Explotada desde a primeira metade do século pasado (sobre todo con fins militares) ata recentemente, onde fica abandonada entre desidias administrativas, corrupcións e esquecementos. Poucos son conscientes que a riqueza dese terreo naceu hai tempo no interior dunha estrela coma o noso Sol.

En Carballo preséntase o noso proxecto Ceos Galegos o 5 de decembro. Amosaremos imaxes tan fermosas coma esta e aprenderemos as historias que hai tras delas.

Poderías gostar de...

A muiñeira das auroras

Estamos a vivir unha tempada extraordinaria. Unha actividade solar en máximos históricos está a provocar que poidamos gozar das auroras boreais desde o noso país.

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

O xigante do tesouro

Ollade ben á torre do castelo. Dentro hai un pozo cheo de auga, o normal. Neste caso, o pozo ten un encantamento pois agocha unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026