O xigante que move o ceo

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

Na mitoloxía grega castigábase a Atlas, un dos titáns, coa responsabilidade de soster a esfera do ceo sobre os seus ombreiros. Non temos moi claro que cosmovisión compartirían os nosos ancestros que habitaban os milleiros de castros que ateigan todo o país. Sabemos que o Monte do Pindo (Carnota, A Coruña) tiña certo carácter sagrado para eles. As formacións graníticas que posúe aínda lle dan certa singularidade xeolóxica hoxe en día. Ata o punto que moitos dos penedos teñen nome de seu, como este Xigante da Mina que fica no Chan de Lourenzo.

Por riba do xigante o ceo nocturno xira ao redor da súa cabeza, semellando ser o noso particular atlas que suxeita a esfera dos ceos. As estrelas, según avanza a noite, parecen xirar ou ao redor do polo norte celeste, moi preto da estrela polar. Hoxe sabemos que non é o ceo o que xira senón o noso planeta, a Terra, nun ciclo que provoca o paso do día e a noite. Tamén podemos ver como as estrelas teñen diferentes cores, do branco azulado ao laranxa. Esa cor das estrelas fálanos da súa temperatura, idade e composición.

Conseguir esta imaxe precisou de 25 tomas individuais tiradas cunha cámara réflex sobre un trípode, cada unha con 3 minutos de exposición e unha sensibilidade ISO 1600. Realizáronse a primeiros do mes de xullo, aínda que no noso calendario Ceos Galegos 2019 preside o mes de abril.

Poderías gostar de...

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

A muiñeira das auroras

Estamos a vivir unha tempada extraordinaria. Unha actividade solar en máximos históricos está a provocar que poidamos gozar das auroras boreais desde o noso país.

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026

1 comentario en “O xigante que move o ceo”

  1. Pingback: O xigante da mina baixo as estrelas – Ceos Galegos

Os comentarios están pechados.