O camiño das lousas

Créditos da imaxe: Marcos López Alonso

Se vives nunha cidade este espectáculo de balde do ceo non está ao teu alcance. Se vives no rural non tes máis que erguer a ollada. Ao pouco que se acostumen os teus ollos á escuridade poderás gozar da visión da Vía Láctea, esa nube de po, hidróxeno e milleiros e milleiros de estrelas que atravesa o ceo. En realidade, todas as estrelas da imaxe pertencen á galaxia da Vía Láctea, o noso fogar no universo. A banda abrancuzada é simplemente a zona central, onde se concentran moitas máis estrelas e a súa luz esparexida polo po e hidróxeno interestelar. Non temos fotos da nosa galaxia desde fóra, porque ninguén foi abondo lonxe para facelas. Temos imaxes feitas desde dentro, desde este lugar preto da estrela que chamamos Sol e que se atopa nun recuncho dun dos brazos galácticos que rodean o centro, como se a galaxia tivera a forma dunha estrela de mar retorta.

Xusto por riba do edificio da imaxe atópase a zona do Arqueiro, unha das constelacións máis recoñecibles no ceo. Mirando a esa parte da Vía Láctea estamos a mirar cara o seu centro. Nos ceos galegos comeza a verse na primavera e deixa de verse no outono. A luz máis brillante pegada ao teito da casa é o planeta Saturno.

A imaxe foi tomada nun lugar denominado as Louseiras (Muras, Lugo) no mes de maio. Nestes intres é unha zona que está loitando por obter a certificación Starlight, que garante a calidade escura do seu ceo. Para acadar esta fotografía o autor precisou dunha soa toma de 20 segundos pra evitar o movemento das estrelas, cunha sensibilidade de 8000. Para alumear o edificio de diante empregouse a luz cálida dunha lanterna. Moitas historias agochan as súas ruínas: fogar, escola, bar, venta e carga de lousas.

Esta imaxe participará no noso concurso de mellores fotos do ano 2018. Na semana que vén poderás votar as túas favoritas.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

2 comentarios en “O camiño das lousas”

Os comentarios están pechados.