A trífida maila lagoa

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Esta imaxe retrata dúas nubes cósmicas que se atopan á mesma distancia: uns 5 000 anos luz. A superior recibe o nome de nebulosa Trífida ou M20, cun tamaño duns 40 anos luz de diámetro. A inferior chámase nebulosa da Lagoa ou M8 e ten un diámetro duns 100 anos luz. As dúas comparten veciñanza na constelación do Arqueiro, visible nos nosos ceos de verán.

A trífida ten unhas cores variadas debido á natureza das súas partes. Así, a rexión azulada é unha nebulosa formada por po que reflicte a luz estelar. A zona vermella está dominada pola emisión de radiación procedente de átomos de hidróxeno. Esta zona aparece dividida nas tres partes que lle confiren o seu alcume, son nebulosas escuras onde as nubes densas de po bloquean a luz das estrelas que hai por tras.

A lagoa está chea de gas quente e moitas estrelas novas. Pode verse mesmo sen telescopio, aínda que en cores grises. No seu interior albiscamos moitas estrelas brillantes como as que forman o cúmulo aberto denominado NGC 6530. Se ampliamos a imaxe distinguimos numerosos glóbulos cheíños de po, que testemuñan unha formación de estrelas aínda vixente.

A imaxe tirada desde os ceos escuros do alto de Fontefría (A Cañiza, Pontevedra), fíxose mediante cámara acoplada a telescopio refractor 80. O autor precisou de 12 tomas de 300 segundos de exposición, máis tomas adicionais de calibrado, a mediados do pasado mes de agosto. Imaxes coma esta forman parte do noso concurso para escoller a mellor imaxe do ceo con telescopio. Aínda non votaches? Hai sorteos para os votantes.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024