A fermosura das Pléiades

Créditos da imaxe: Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

As Pléiades son un exemplo excelente de cúmulo aberto de estrelas, nadas na mesma nube de gas. Pola súa dinámica propia, a gravidade mailas interaccións mutuas comezan a se afastaren e espallaren polo cosmos. Aínda que a simple vista somos quen de ollar entre 6 e 8, en realidade están compostas por varios centos de elementos, a uns 400 anos luz de distancia de nós, na constelación do Touro. Agora é a mellor época do ano para admiralas saíndo polo surleste trala posta do Sol.

É polo feito de albiscarse varias delas xuntas que tiveron sempre bastante relevancia na mitoloxía e na historia. De xeito individual, o seu baixo brillo relativo faría que pasaran desapercibidas no ceo, aínda que todas elas son moito máis luminosas que o noso Sol.

A nube que parece envolvelas non forma parte do cúmulo nin son os refugallos da súa nebulosa natalicia. A casualidade fixo que na súa viaxe cósmica deran con esta concentración de gas e po, pequenas motas de po interestelar que esparexen de xeito máis eficiente a luz azul que a vermella, de lonxitude de onda máis longa. No seu movemento xuntiñas no ceo cara o pé esquerdo da constelación de Orión irán perdendo compoñentes ata esvaerse como cúmulo dentro duns 250 millóns de anos.

Algunhas fontes atribúenlle a este cúmulo a denominación de Setestrelo na cultura galega popular, pero é algo que está en discusión fronte á idea de que esa denominación é máis acaída para o Carro Maior.

A imaxe foi tirada con cámara réflex a foco primario de telescopio refractor. Foron un total de 20 tomas de trinta segundos cada unha máis 2 tomas adicionais de calibrado, cunha sensibilidade ISO 6400, desde o alto de Fontefría (A Cañiza, Pontevedra).

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

2 comentarios en “A fermosura das Pléiades”

Os comentarios están pechados.