A flor dun gañador

Créditos da imaxe: Miguel Sánchez Varela

Se a unha flor lle quitas a cor perde parte do seu encanto. Se é unha flor cósmica consegues información diferente. No ceo galego hai unha camelia onde outros ven unha rosa. Pero en realidade é unha rexión de formación estelar, un lugar cheo de hidróxeno que arrodea á un grupo de estrelas denominado NGC 2244. Estas son estrelas novas en termos astronómicos, pois só teñen uns poucos millóns de anos de idade. En comparación, o noso Sol anda polos 4 600 millóns. Estas mozas estelares están cheas de fogosidade, quentes e desbordantes de enerxía; a súa luz reflíctese na nebulosa do arredor. Para esta imaxe empregouse un filtro de hidróxeno alfa, polo que estamos a detectar a luz emitida polo electrón do hidróxeno cando salta entre dous niveis determinados de enerxía. Pequenas columnas de gas van compactando e collendo forma polo efecto dos ventos estelares, como se ve en todo detalle na imaxe. Probablemente se acaben formando estrelas novas nas súas cabezas.

Só nos ceos galegos hai unha nebulosa da Camelia porque no resto do mundo prefiren denominala coma NGC 2237 ou o nome algo máis metafórico de nebulosa da Roseta. En todo caso está a uns 4.500 anos luz de distancia cara a constelación do Unicornio, perdida entre as constelacións de Orión e os seus Can Maior e Can Menor.

Tomada desde un observatorio particular situado en Arzúa (A Coruña), tirando proeito das noites dos  pasados 4 e 5 de xaneiro, cunha humidade inaprezable e -3ºC de temperatura. Precisáronse un total de 15 imaxes de 600 segundos cada unha combinadas posteriormente mediante procesado dixital.

O autor foi o primeiro premio do público no concurso das mellores imaxes do ano 2018 por outra preciosidade en branco e negro denominada a nebulosa Corazón. E tamén está entre os primeiros postos na elección do xurado, resultado que se coñecerá na gala do 13 de xaneiro de Ceos Galegos.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

1 comentario en “A flor dun gañador”

Os comentarios están pechados.