O corazón do cosmos, premio á mellor imaxe Ceos Galegos 18


Créditos da imaxe: Miguel Sánchez Varela

Así, en branco e negro, desafiando a tendencia de publicar imaxes a toda cor, este corazón cósmico conseguiu ser escollida como mellor imaxe do ano polo público e tamén, nunha coincidencia con poucos precedentes, mellor imaxe “con telescopio” do ano 2018 a criterio do xurado profesional. Este corazón xa fora publicado e explicado na nosa web previamente. Situado na constelación de Casiopea, a raíña da Etiopía mitolóxica castigada precisamente pola súa falta de corazón, latexa ao ritmo dos ventos das estrelas que van inchando esa nube de po cósmico. Ampliando a imaxe pódese ollar o incrible detalle das columnas de po que van sendo erosionadas pola radiación estelar.

Se tiveramos un telescopio abondo potente sería moi semellante a como o veríamos cos nosos ollos, incapaces de percibir as cores reais pola falta de luminosidade. Pero ao ser unha toma monocromática conséguense eses detalles tan interesantes.

O autor conta cun equipamento pouco habitual, un observatorio caseiro en terras do queixo (Arzúa, A Coruña) construído en familia e, o máis interesante, explica na súa web o proceso de construción. O material técnico empregado para esta toma foi un telescopio TS 80 mm refractor APO sobre unha montura NEQ6 Pro II. Valeuse dun sistema de autoguiado Lunático EZG 50mm, para evitar que as estrelas apareceran movidas anulando compensando a rotación terrestre. A camara fotográfica, unha Canon 550 D, foi dotada cun filtro de banda estreita acoplado modelo Optolong de 7 nm. Durante as noites do 14 e 15 de novembro do outono pasado requiriu 20 imaxes de 600 s de exposición cada unha, máis tomas adicionais de calibrado (denominadas “dark” e “bias”). Posteriormente realizou o correspondente procesado informático para unir as imaxes mediante as aplicacións Pixinsight 1.8 e Adobe Lightroom.

Imaxes coma esta forman parte do noso calendario #CeosGalegos19 #GalicianSkies19. A súa venda permítenos mantes este proxecto: a web, os premios, a gala…

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024