A veciña galáctica, segundo premio á mellor imaxe 2018

Créditos da imaxe: Marcos López Alonso

Un universo illa en todo o seu esplendor. Visible a ollo ceibe nas noites escuras do noso país coma un borrancho abrancuzado no ceo, aquí ábrese a toda cor e cun detalle excelente. A galaxia Andrómeda ou M31 ten milleiros de millóns de estrelas arremuiñadas ao redor dun núcleo no que se pensa que pode residir un burato negro, formando uns brazos espirais que se poden seguir desde fóra cara o centro. Esa estrutura espiral é semellante a da nosa propia galaxia. Foi tamén un dos motivos polos que o xurado profesional escolleu esta imaxe coma a segunda mellor na categoría “sen telescopio”, o detalle da parte central. Brilla tanto que en tomas menos definidas carece do detalle que ten nesta e a parte central aparece sobreexposta. E, nunha nova coincidencia que xa ocorreu coa imaxe que obtivo o primeiro posto, tamén foi escollida como a segunda mellor imaxe “sen telescopio” en votación popular.

Hai menos de 100 anos aínda se discutía se esta “nebulosa”, como se lle denominaba, estaba dentro ou fóra da nosa galaxia. Agora sabemos que hai milleiros e milleiros de galaxias por aí ciscadas. Mesmo nesta imaxe vemos dúas máis, moi preto de Andrómeda. Por baixo á dereita e por riba á esquerda, na forma de pequenas nubes brancas, reciben as denominacións de M32 e M101 respectivamente.

Esta imaxe precisou dos escuros ceos das Louseiras (Muras, Lugo) na noite do día 9 do setembro pasado. O autor ferrolán empregou un telescopio refractor apocromático AP 80/400 sobre unha montura EQ6-R Pro SynScan GoTo, acoplándolle unha cámara fotográfica réflex Nikon D500. Tirou un total de 30 imaxes de 2 minutos cada unha a diferentes sensibilidades: 800, 1600 e 3200 para crear un HDR, compensando as diferentes luminosidades que aparecen na galaxia para que o resultado final sexa nidio.

Poderías gostar de...

Unha eclipse NON total de Sol

Foi por pouco, pero a eclipse non chegaba onda nós. Uns minutos despois do momento no que comezaba a Lúa a se meter na nosa

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024