Lúa vermella e Lúa azul

Créditos das imaxes: Aleixandrus (esquerda) e Pablo J. Martínez Alemparte (dereita)

Cando un vai mirar unha eclipse agarda que o astro eclipsado se escureza e desapareza da vista, por ser ocultado por un astro maior; a definición de eclipse é esa. Mais a natureza e abondo complexa e non sempre se acomoda ás clasificacións humanas.

Nas eclipses lunares, como a que gozamos no país na madrugada do pasado luns 21 de xaneiro, no momento da totalidade o noso satélite perde a teórica cor negra para volverse avermellada. No momento do aliñamento Sol-Terra-Lúa o noso planeta bloquea a chegada de luz ao satélite. Máis a luz solar que atravesa os bordos da atmósfera é refractada (o seu camiño desvíase) cara o interior chegando de novo a alumear a Lúa. Se houbera selenitas estarían a ollar unha eclipse solar e, neses intres, chegaríalles unha luz avermellada de todos os solpores e amenceres que se estarían a dar ao redor do bordo dunha Terra perfilada polo Sol.

Pero incluso hai veces en que a Lúa se ve azul. Xa pasou o momento da totalidade, a Lúa avanzou no espazo e neses intres chega ao noso satélite a luz solar refractada polo ozono da alta atmosfera. O gas de ozono absorbe as compoñentes vermellas da luz e transmite as azuis.

A imaxe da Lúa vermella foi tirada ás 6:12, xusto no momento central da eclipse, cando o aliñamento do sistema Sol-Terra-Lúa era perfecto. Foi tomada desde Bueu (Pontevedra). A A imaxe da Lúa azul foi tirada ás 6:39; xusto tres minutos antes de que rematara a parte central da eclipse e a Lúa comezara a saír da sombra da Terra. Neste caso tirouse desde o miradoiro de monte Cepudo (Vigo). Fixándonos nas estrelas do fondo podemos detectar que a Lúa xa se moveu do seu lugar.

Os datos técnicos de cada imaxe son estes:

Lúa Vermella: dobre exposición de 5 e 20 segundos a ISO 800 tiradas cunha cámara Sony A6000 e un obxectivo Tamron SP 500mm f8, todo sobre unha montura ecuatorial motorizada para compensar a rotación terrestre.

Lúa azul: unha única exposición de 1 segundo a ISO 3200 tirada cunha cámara Sony A6000 acoplada a un telescopio refractor W.O. ZenithStar 80 II.

Temos en marcha un concurso de imaxes da eclipse de Lúa con varios premios.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

1 comentario en “Lúa vermella e Lúa azul”

Os comentarios están pechados.