O sorriso do ceo

Créditos da maxe: Lucía Candal

Un arco da vella ao revés, como se a atmosfera nos estivera a sorrir. O seu nome real é máis descritivo: arco circuncenital.

O inverno é tempo de frío e cristais de xeo na atmosfera. Iso provoca moitos fenómenos relacionados coa refracción solar coma os halos ou os parhelios. Quizais o arco circuncenital sexa un dos máis fermosos de todos os halos. Un sorriso etéreo que parece imposible que estea tan alto no cénit, como un arco da vella flotando no ceo. Este arco é xerado polo paso da luz solar polos cristais de xeo planos que hai nas nubes cirros altas, nun fenómeno moi parecido e asociado á presencia dos parhelios. As cores soen ser máis puras que nun arco da vella porque hai menos solapamento de refraccións. O Sol ten que ir máis baixo de 32,3º de altura para que os raios refractados poidan dar lugar a un arco circuncenital. Preto dese límite, o Sol xera un arco feble e difuso preto do cénit. Máis baixo mellora a definición e o tamaño, sendo a altura ideal de 22º. Esas foron as circunstancias que atopou a nosa autora hai quince días viaxando polos concellos de Cerceda e Culleredo (A Coruña). Presta a coller o móbil para testemuñar este fenómeno que por primeira vez recibimos no noso proxecto. A primeira imaxe, a vertical, ten o arco circumpolar na parte superior, pouco contrastado pola altura solar dese momento. Nas imaxes horizontais, planos do mesmo arco e dos parhelios que acompañaban ao evento.

Poderías gostar de...

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

O xigante do tesouro

Ollade ben á torre do castelo. Dentro hai un pozo cheo de auga, o normal. Neste caso, o pozo ten un encantamento pois agocha unha

Dúas nebulosas

Á esquerda da imaxe podemos admirar a nebulosa NGC7000, alcumada Norteamérica porque a estrutura inferior remeda á península de Florida; cousas da pareidolia. Trátase dunha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026