Flores para Sara

Créditos da imaxe: Ángel D. R. Arós

O corpo humano está formado por uns 7 000 cuatrillóns de átomos de diferentes elementos. En notación científica pode parecer menos tolemia: 7 x 1027 átomos. Por orde de abundancia, temos un 65% de átomos de osíxeno, un 19% de carbono, un 10% de hidróxeno e un 3,2% de nitróxeno. Ao estar o 60% dun corpo adulto feito de auga (o 75% ao nacermos), resulta natural que sexan os seus compoñentes (2 átomos de osíxeno e un de hidróxeno) dos máis abundantes. Outros elementos son tamén moi importantes e podemos recoñecer facilmente a súa presencia en células e tecidos: o calcio cun 1,38%, o fósforo co 0,64%, o potasio, 0,22% mailo cloro co 0,28%.

Na natureza hai 92 elementos atómicos e, no corpo humano, podemos atopar algún máis en forma de oligoelemento en proporción menor ao 0,1%. Pero fundamentais en diferentes procesos biolóxicos do corpo. Así temos  boro (B), cromo (Cr), cobalto (Co), cobre (Cu), flúor (F), iodo (I), ferro (Fe), manganeso (Mn), molibdeno (Mo), selenio (Se), silicio (Si), estaño (Sn), vanadio (V) e zinc (Zn).

Os átomos entran e saen do noso corpo por diversos procesos. Así, gran parte dos átomos fican no noso interior uns poucos anos, en función de en que tecido ou molécula estean presentes.

Todo o hidróxeno do noso corpo creouse no grande estoupido inicial, o Big Bang, que orixinou o Universo tal e como o coñecemos. No noso interior levamos as pegadas da historia do cosmos. O resto dos átomos teñen orixes diferentes, tanto en explosións de supernova como en choques de estrelas de neutróns, procesos que requiren unhas enormes presións e temperaturas para vencer a repulsión dos núcleos atómicos (de carga positiva) para fusionarse. O ser humano supón unha reorganización de átomos dun universo que se fai así consciente de si mesmo. Cando morremos, eses 7 cuatrillóns de átomos voltan a ser parte do universo. Algúns formarán parte de novos seres humanos ou de animais. Outros agardarán na terra ata que dentro de 5 000 millóns de anos a nosa estrela morra esparexendo os átomos formados no seu interior, máis os dos planetas máis achegados, ao espazo. Nalgures volverán a xuntarse para formaren un novo sistema planetarios e quen sabe se algún tipo de forma de vida novo que poida, outra vez, ser consciente da súa presenza no cosmos.

Hoxe os átomos de Sara comezaron a retornar ao cosmos no que se formaron. Vémonos no cosmos.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024