O iris do ceo, mención especial

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Na frialdade dos catálogos estelares recibe a denominación de NGC 7023. Pero o seu alcume de nebulosa Iris é moito máis fermoso e apunta a algunha das súas características: colorida e simétrica. Non se trata neste caso do seu parecido coa parte dos nosos ollos que ten cor, senón cunha flor.

Esta flor abrollou cando os árabes ocupaban case toda a península ibérica, pois eses 1300 anos é o tempo que pasou desde que foi emitida a luz que captou o noso fotógrafo.

Na nebulosa domina a cor azul porque está a reflectir a luz da estrela do seu interior, SAO 19158. A propia estrela é azul pero ademais esa é a cor que esparexe o po que a rodea de xeito preferente, o mesmiño que pasa coa cor azul do ceo terrestre. A cor marrón do po débese en parte a un fenómeno de fotoluminescencia; ese po converte a radiación ultravioleta e invisible procedente da estrela en tons avermellados.

Os seus pétalos imaxinarios esténdense ata seis anos luz, unha enormidade de case 60 millóns de quilómetros. Se a déramos visto a simple vista ocuparía unhas cinco lúas cheas no ceo.A imaxe valeulle ao seu autor unha mención especial nos premios anuais das “mellores imaxes con telescopio” 2018. Desde o alto de Fontefría (A Cañiza, Pontevedra) a comezos do pasado outono, precisou apuntar á constelación de Cefeo co seu telescopio reflector 200/100 e empregar a cámara réflex Canon EOS 450D. Realizou un total de 12 tomas de 5 minutos cada unha a ISO 800, co correspondente procesado posterior para sumar todos eses fotogramas.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024