A pequerrecha do ceo

Créditos da imaxe: Gonzalo González Bernárdez

“Nebulosa no pé dereito de Andrómeda (…). Esta nebulosa non contén estrelas, é pequena e feble”. Así describía o astrónomo Charles Messier a este obxecto celeste situado na constelación de Perseo no seu “Catálogo de nebulosas e cúmulos estelares”. De aí recibe un dos seus nomes: M76, a letra pola inicial do astrónomo, o número pola orde na que aparece no seu catálogo. Entre astrónomos amadores recibe nomes como o de “pequena Dumbbell”, polo seu parecido coa nebulosa do mesmo nome. Tamén nalgures é referida como bolboreta entre outras denominacións.

Hoxe sabemos que esa nebulosidade de cores é o que queda da explosión dunha estrela moribunda semellante ao noso Sol. Clasificada coma nebulosa planetaria, en realidade ollamos as capas máis externas expulsadas ao espazo cando se produciu o estoupido estelar. Paseniño, vanse espallando ata esvaerse co paso dos milleiros e milleiros de anos  a unha velocidade duns 40 km/s. Calcúlase unha distancia entre 3 e 5 mil anos luz. O seu tamaño sería así de 1 ano luz. Está en Perseo, preto dos bordos das constelacións de Andrómeda e Casiopea.

Pénsase que ten forma de rosquilla, sendo que a parte central e máis brillante parece unha caixa pola nosa perspectiva case de canto. O gas está formado por átomos de hidróxeno (as cores laranxas) e de osíxeno (azuis). Nesta imaxe non se dá albiscado a estrela anana que resultou trala morte da súa proxenitora. A estrela tan brillante que aparece no cadro denomínase HIP 8063 e ten unha magnitude de 6,6, fóra (por pouco) de ser vista polos nosos ollos sen o uso de telescopios.A imaxe precisou de 14 tomas de 60 segundos cada unha desde Campo (Arzúa, A Coruña), cunha cámara Canon 600D acoplada a un telescopio e unha sensibilidade ISO 1600. As tomas foros amoreadas e procesada con varias aplicacións informáticas para sumar a información de cada toma e conseguir así ollar as cores tenues da nebulosa.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024