Alnitak, o cinto

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Créditos da imaxe: Ángel D. R. Arós

A constelación de Orión é un paraíso astronómico. Resulta unha das constelacións máis sinxelas de recoñecer pola súa forma. Incluso a figura mitolóxica do cazador pode enxergarse unindo as súas estrelas. As cores das estrelas principais son diferentes, permitindo unha completa clase de astrofísica. A súa nebulosa principal está ao alcance da vista en ceos escuros e con prismáticos. Por último, con pequenos telescopios e en fotografías de longa exposición conséguese a captura de obxectos fermosos, variados e interesantes.

As tres estrelas que forman o seu cinto ou as “tres marías” reciben as denominacións Alnitak, Alnilam e Mintaka. Son denominacións que proveñen da astronomía árabe. A primeira significa precisamente “o cinto”. Atópase a uns 1 300 anos luz de distancia. Grazas ao seu brillo podemos ollar esa nube alaranxada que parece unha lapa ardente deitada: a nebulosa da Chama (o NGC2024). Pero non arde o osíxeno como nos lumes terrestres. O que ollamos é o efecto de Alnitak. A súa radiación arrinca os electróns dos átomos de hidróxeno que forman esa nube cósmica. De seguido, os electróns volven a recombinarse nos mesmos átomos emitindo a luz anteriormente absorbida con esas cores amareladas. Os fíos de po escuro contribúen a darlle máis realismo á imaxe.

Por contra, a figura negra que ten forma de cabeza de cabalo é unha nube de po escuro que impide que nos chegue a luz vermella da nebulosa que emite desde detrás. Se tivesemos visión infravermella poderiamos mirar ao seu través. Para que nos fagamos unha idea das súas dimensións ten uns 5 anos luz de altura. Recibe precisamente o nome de nebulosa Cabeza de Cabalo (B33 nos catálogos). A súa forma, como a da chama, é unha simple casualidade. O paso dos milleiros dos anos irán mudando e evolucionando adquirindo diversas formas ata esvaerse.

Aportando aínda máis contraste á imaxe por baixo da cabeza de cabalo aparece unha pequena nebulosa de reflexión de cor azul e denominación NGC 2023. Está arrodeando a unha estrela noviña e moi quente. Esta imaxe excelente orna a páxina do mes de marzo do noso #CeosGalegos19 #GalicianSkies19. O seu autor tirou varias imaxes de 15 segundos de exposición con diferentes filtros de cor que despois combinou unha soa imaxe mediante software. Requiriu estar nun dos ceos máis escuros do país, na Tablilla das Lagoas (A Veiga, Ourense).

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

A nebulosa da Media Lúa

A estrela WR136 non desapareceu. Pertence a un tipo de estrelas moi estrañas denominadas Wolf-Rayet. Son estrelas moi masivas, con vidas moi frenéticas e tempestuosas

Xa é primavera nos Ceos Galegos

Xa chegou a primavera ao hemisferio norte, o outono ao hemisferio sur. O equinoccio da primavera é un evento astronómico preciso que acontece ás 22:24

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2023