Hoxe é Pascua; ou debera

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

No calendario eclesiástico márcase o domingo de Pascua como o primeiro que hai despois da primeira Lúa chea que segue ao equinoccio de primavera. E a terceira Lúa chea do ano, a do xoves pasado, foi a primeira da primavera. Por pouquiño, porque o equinoccio (definido astronomicamente como o intre no que a Sol se sitúa no plano ecuatorial terrestre) tivo lugar ás 22:58 do pasado 20 de marzo e a Lúa chea (definida como o intre no que os astros Lúa-Terra-Sol están perfectamente aliñados e nesa orde) foi unhas horas máis tarde, na madrugada do 21 de marzo ás 02:43.

As reglas eclesiásticas actuais fixáronse coa reforma do calendario gregoriano feita polo Papa Gregorio XIII no ano 1582. Aí se daban as instrucións para marcar a Pascua e o resto de celebracións principais. Pero a pesares de contar co seu propio observatorio astronómico para estas medicións, as reglas eclesiásticas decidiron fixar tamén de xeito arbitrario que a primavera comezara o 21 de marzo. Deste xeito tamén carece de relevancia o momento astronómico das lúas cheas, sendo usado o concepto de “lúa chea eclesiástica” nun ciclo fixo. Por tanto a Pascua estará sempre entre o 22 de marzo e o 25 de abril. Porén, astronomicamente o comezo da primavera pode variar entre o día 19 de marzo (asi será dentro de 30 anos) e o 21.

Esa reforma foi a mesma que se comeu 11 días do calendario xuliano, o vixente ata o daquela nos países católicos, e que se publicou na bula Inter Gravissimas.

A comezos do século XX apareceu a proposta de fixar a Pascua. Incluso no concilio Vaticano Segundo, en 1963, acordouse chegar a un consenso con outras igrexas cristiáns, sendo o segundo domingo de abril o día con máis posibilidades. Pero non se volveu falar do tema. Así que a Pascua seguirá sendo variable, sen estar completamente suxeita ás medidas astronómicas, senón as curiosas regras eclesiásticas. E hoxe non é o domingo de Pascua, como lle tocaba. Este ano de 2019 será o 21 de abril, dous días despois da seguinte lúa chea, a segunda da primavera, pero a primeira lúa chea eclesiástica.E xa que hoxe non é Pascua esta tampouco é unha Lúa chea. En realidade tirouse o día anterior, o 20 de marzo, para poder contar coa iluminación das últimas horas de luz solar sobre a fachada da catedral de Santiago de Compostela. A imaxe foi tomada desde case 2 km de distancia, mediante un teleobxectivo acoplado á cámara Nikon D700 do autor.

Poderías gostar de...

Ás voltas co ceo estrelecido

Imaxinades ter ollos que foxen quen de rexistrar a luz que lles chega durante minutos? Pola noite descubrirïamos que o ceo xira ao redor das

Flores no ceo, flores na terra

Vistes as flores celestes? Máis ben son as flores cósmicas. Aí, no medio desa nube que se estrica en diagonal pola imaxe, semellan caraveis rosas.

O ano das auroras boreais galegas

Querido mañá, se cando leas isto eu xa estiver lonxe no tempo e no espazo que saibas que hai auroras inauditas coa rubién do que

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025

2 comentarios en “Hoxe é Pascua; ou debera”

  1. Quixera saber si esta lúa e a de marzo, ou a de abril. xa que toda a vida escoitei que a lúa de marzo entra en devalo na Semana Santa?

Os comentarios están pechados.