A maxia do equinoccio

Créditos da imaxe: Brais Lorenzo

Os movementos do Sol no ceo son, despois das fases lunares, os primeiros descubrimentos astronómicos da humanidade. Por iso é normal que ao longo da historia se crearan rexistros para poder ter un calendario astronómico e poder adiantarse á chegada das estacións, por exemplo. Co paso do tempo e coa aparición da escrita e aparellos para a medición dos movementos dos astros, eventos astronómicos como solsticios e equinoccios foron aproveitados por arquitectos para crear efectos curiosos ou simplemente para seguir tradicións.

As igrexas católicas antigas adoitan ter unha orientación leste-oeste, de xeito que os rezos son mirando cara levante, o lugar do nacemento do Sol e lugar da luz, pero éntrase nelas polo presbiterio situado ao oeste, lugar das sombras e tebras polo que se oculta a nosa estrela. Realmente, esta aliñación solar leste-amencer e oeste-solpor só se dá de xeito ideal nos equinoccios, os pasos das estacións inverno-primavera e verán-outono. Tamén hai casos de igrexas nas que a orientación vai cara o amencer no día do aniversario do santo ou santa da súa advocación.

No caso singular da pequena capela mozárabe de San Miguel de Celanova (Ourense) do século X , situada por tras do maxestoso mosteiro, a orientación leste-oeste conta ademais cun deseño das xanelas que crean un efecto fermoso no mencer dos equinoccios que se ve potenciado pola pequena desviación de 2 graos ao sur. Pero ademais este eixo cadra coa presenza do pedrón, un afloramento rochoso situado á sua beira e con esa mesma orientación, respectada polos construtores da capela. Porque o pedrón ten pegadas de uso antigo e posiblemente castrexo. Incluso, no solsticio de verán o solpor ten lugar sobre Castromao, unha das poboacións castrexas máis senlleiras do país e situada a 2 km de distancia, según se mira desde a rocha (e sen houbera as construcións posteriores da vila de Celanova).

A orientación do sol nacente na capela coincide ademais co cumio do monte San Cibrao de case 1000 metros de altura e situado a 8 km de distancia. A iso podemos unir datas relevantes como o 29 de setembro, San Miguel Arcanxo, a consagración da igrexa do mosteiro nun 24 de setembro, San Rosendo o 1 de marzo e o San Cibrao o 14 de setembro.

Todo iso conforma un lugar de probable orientación astronómica para os pobos castrexos, aproveitado pola cristianización posterior e que agora nos dá un fermoso espectáculo nos amenceres dos equinoccios.

E tamén nos serve para dar a benvida a un novo colaborador ao noso proxecto.

Poderías gostar de...

O cangrexo foi o primeiro

Imaxinade que sodes un astrónomo na busca da fama. Daquela, polo século XVIII, o máis doado era atopar un cometa, publicalo e agardar a que

Ás voltas co ceo estrelecido

Imaxinades ter ollos que foxen quen de rexistrar a luz que lles chega durante minutos? Pola noite descubrirïamos que o ceo xira ao redor das

Flores no ceo, flores na terra

Vistes as flores celestes? Máis ben son as flores cósmicas. Aí, no medio desa nube que se estrica en diagonal pola imaxe, semellan caraveis rosas.

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2025

1 comentario en “A maxia do equinoccio”

Os comentarios están pechados.