Unha “estrela” menos

Créditos da imaxe: Observatorio Astronómico Ramón María Aller – USC

Na noite do sábado unha estrela parecía caer no ceo compostelán. Parecía lembrar o mito fundacional da cidade, aínda que a súa explicación é moito máis mundana que un milagre do apóstolo.

O espazo está cheo de refugallos de todo tipo, grandes e pequenos, restos de cometas, asteroides e incluso lixo espacial formado por satélites artificiais destruídos ou etapas de foguetes retornando á Terra. Afortunadamente a fina capa da nosa atmosfera protéxenos da maioría deses eventos.

Estímase que cada ano chegan ao noso planeta entre 40 000 e 80 000 toneladas de material proveniente de meteoroides, eses fragmentos de orixe cósmica. Pode parecer moita cantidade, pero é irrelevante para o noso planeta. Normalmente penetran na atmosfera a unha velocidade de entre 12 e 72 km por segundo. A colisión coas moléculas do aire é tan forte que en menos dun segundo a súa temperatura superficial supera os 2 000ºC. O meteoroide vólvese incandescente perdendo masa e dando lugar a ese ronsel luminoso que chamamos “estrela fugaz” ou meteoro. Só no caso de que algún fragmento toque terra se denominaría meteorito. Ademais, cando son moi luminosos (máis que a observación de Venus) reciben o nome de bólidos.

O da imaxe foi o caso do detectado ás nove menos cuarto da  noite do pasado sábado 30 de marzo. Unha das cámaras situadas no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela gravou este bólido cunha luminosidade que chegou a -13 (canto menor é o número máis luminosos é o obxecto), sendo así o bólido máis brillante gravado no que vai de ano no estado. Polas estrelas que se ven na imaxe, Sirio, Procyon e Betelgeuse, podemos inferir a súa traxectoria. En palabras de J. A. Docobo, director do Observatorio, “Tratouse dun bólido moi brillante que foi avistado dende diversos puntos de Galicia e tamén no noroeste peninsular e incluso Madrid. Visto dende Santiago desprazouse en dirección NNW- SSE”.

Aínda está en estudo o posible lugar de caída e se pode haber algún resto a recuperar, xa que pola dirección que levou non tirou cara o océano. En todo caso, de dar lugar a unha nova “Campus Stellae” desta volta sabemos que non é unha estrela caída, senón un fragmento rochoso do espazo.

Poderías gostar de...

Unha eclipse NON total de Sol

Foi por pouco, pero a eclipse non chegaba onda nós. Uns minutos despois do momento no que comezaba a Lúa a se meter na nosa

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024