O helmo do deus Thor

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Por casualidade esta nube cósmica ten a forma dun casco guerreiro con apéndices a modo de ás. De xeito popular, os astrónomos amadores danlle o alcume do Helmo de Thor. Este deus nórdico armado dun martelo máxico era de gran tamaño incluso para un deus. Aínda así, non tanto como para poñerse na cabeza este inmenso helmo de 30 anos luz de diámetro.

A realidade é incluso máis fantástica. Este helmo cósmico é unha burbulla interestelar inchada polos ventos estelares que, en forma de radiación, proceden da estrela brillante preto do centro da zona tinguida de azul. A propia estrela é unha rareza cósmico, do tipo Wolf-Rayet. Estas son estrelas xigantes moi quentes e masivas, créndose que se trata dunha breve fase pre-supernova de evolución estelar. A nebulosa de emisión da imaxe, catalogada coma NGC 2359, sitúase a uns 12 000 anos luz de distancia da Terra mirando cara a constelación do Can maior. A imaxe feita desde o cumio de Fontefría (A Cañiza, Pontevedra), un dos miradoiros favoritos dos astrónomos vigueses, é quen de enxergar algunhas estruturas de po e gas en forma de filamentos da nebulosa.

A súa cor azul é característica da presenza dos átomos de osíxeno no gas, coa orixe na perda de dous electróns atómicos. Pero cando os átomos de osíxeno recapturan os electróns perdidos emítense os fotóns que saen da nebulosa, correspondéndose a fotóns dunha lonxitude de onda coincidente coa cor azul. É en realidade un proceso máis complexo que para comprender hai que recorrer á mecánica cuántica, sendo imposible de reproducir en laboratorios terrestres.

O noso autor valeuse dunha cámara Canon EOS 450D(A) acoplada directamente ao telescopo reflector TS 200/1000. Realizou 9 tomas de 6 minutos cada unha con ISO 800, máis tomas adicionais de calibración, para combinalas e obter esta marabilla de imaxe.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

1 comentario en “O helmo do deus Thor”

Os comentarios están pechados.