Mira, un burato negro!

Créditos: Pablo J. Martínez Alemparte

Aí, no horizonte, hai un burato negro. Nesa rexión do ceo no que se atopa a constelación do Arqueiro (Sagittarius) e que no verán corta o horizonte a comezos da noite está o centro da nosa galaxia Vía Láctea. E sabemos que hai un burato negro supermasivo cunha masa equivalente á de algo máis de 4 millóns de soles, toda dentro dun volume cun radio algo mellor que a órbita de Urano. Probablemente todas as galaxias grandes teñan un burato negro no seu centro. De tipo supermasivo, formado pola fusión dos núcleos galácticos de varias galaxias. A súa orixe é por tanto diferente á dos que se forman trala morte dunha estrela moi masiva, como as estrela vermellas.

Un burato negro non se pode ver nin fotografar. A súa densidade é tan inmensa que conseguen curvar a xeometría do espazo de xeito que a propia luz non é quen de atopar o camiño de saída. Por iso, ao non emitiren luz, non os podemos ollar. Pero si percibir os seus efectos, como ver estrelas que se moven ao redor de algo que non podemos ver, atraídas pola súa gravidade. Ou os efectos nos obxectos que se achegan moito, ata o horizonte de sucesos, a fronteira imaxinaria que unha vez superada non ten volta a atrás e provoca que todo o que a supere contribúa a engordar a masa do burato negro. Pero no proceso poden emitirse ondas de raio, raios X…

Hai pouco máis dun ano morría Stephen Hawking, coñecido porque un dos seus campos de investigación estaba nos límites de aplicación da teoría cuántica e da gravidade xeral, onde os buratos negros dominan o universo. Nun lugar onde case toda a física que estudamos deixa de ter sentido pois o espazo-tempo crébase baixo a forza dunha materia sumamente concentrada e enormemente densa. Hawking decatouse de que estes obxectos extremos non emiten deberían ter unha temperatura igual ao cero absoluto, algo absurdo, polo que propuxo unh idea. Ao aplicar a teoría cuántica á materia que capturan os buratos negros podían emitir algún tipo de radiación, chamada na súa honra a radiación de Hawking. Aínda non somos quen de detectar a radiación de Hawking. Forma parte do seu legado.

Desde o alto de Fontefría (A Cañiza, Pontevedra), onde a Vía Láctea cruza o horizonte na constelación do Arqueiro. Sabemos que aí hai un burato negro, aí está Saxitario A*. Vale, non se ve. Non emite nada. Pero está aí. E hoxe nunha moi anunciada rolda de prensa investigadores do EHT ou Telescopio de Horizonte de Sucesos van comunicar os primeiros achádegos, obtidos tralo procesado de millóns de datos rexistrados desde hai 3 anos. Non van publicar unha foto, porque os telescopios empregados son radiotelescopios e reciben ondas de radio. Non van publicar unha imaxe como a das películas. Quizais amosen unha recreación artística a partires dos datos de radio que nos permitan aproximarnos a como se pode ollar a rexión ao redor de Saxitario A*. En todo caso, a cousa promete ser moi interesante.


Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

2 comentarios en “Mira, un burato negro!”

Os comentarios están pechados.