A agulla do ceo

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Unha agulla ou un alfinete. Imposible de ver a ollo nu, pero accesible cun telescopio pequeno. Ou podes probar cuns bos prismáticos. Só hai que saber onde mirar. Neste caso, o lugar é a constelación da Cabeleira de Berenices, unha constelación con máis historia mitolóxica que presenza no ceo. Así e todo, incluso con telescopio só enxergarás unha fina nube abrancuzada.

O que é seguro é que polo ollo desta agulla celeste pasarían tanto un camelo como un rico. Porque en realidade estamos a ver unha galaxia cun diámetro duns 100 000 anos luz. Pode parecer un tamaño inmenso, que o é; pero a nosa propia Vía Láctea andará polo dobre dese diámetro.

Non temos fotos da nosa galaxia desde fóra. Nunca ninguén foi tan lonxe para fotografala. Estamos no seu interior e as distancia son enormes. Máis as medicións actuais apuntan a forma moi semellante a esta, vista de canto. É moi alongada e ten un vulto central ou bulbo, onde hai unha gran concentración de estrelas. Aprezamos unhas franxas escuras que atravesan o bulbo galáctico; son corredores de po que semellan amaollar o plano galáctico.

Se non che gusta o nome de galaxia Agulla podes chamala NGC 4565 que queda máis finoou, incluso Caldwell 38. Son denominacións que aluden a outros catálogos nos que aparece rexistrada.

O amplo eido de visión ten moitas estrelas da nosa propia Vía Láctea que se coan en primeiro plano. Pero tamén outra sorpresa en forma de galaxia: NGC 4562 (neste caso sen alcume) á esquerda, moito máis pequeniña. Por algo está máis afastada aínda que os 40 millóns de anos luz de distancia da Agulla.

Acadar esta imaxe da Agulla cósmica tan nidia levoulle ao autor 12 tomas de 5 minutos cada unha máis un par de tomas adicionais de calibrado. Empregou a súa cámara Canon EOS 550D acoplada oa telescopio reflector 200/1000 usando unha sensibilidade ISO 800. Unha noite de comezos de maio moi produtiva con outras imaxes marabillosas que iremos publicando progresivamente, tiradas desde o marabilloso miradoiro estelar da Lagoa das Tablillas (A Veiga, Ourense).

Poderías gostar de...

A eclipse galega de sol (i)

Unha eclipse total de sol é o maior espectáculo que a natureza nos pode ofrecer. Gozar del ao carón do fogar é unha simple casualidade

A Eclipse Galega (i): que imos sentir

Unha eclipse total de sol é, sobre todo, unha experiencia para sentir, para vivir, en solitario ou coa familia ou co grupo de amizades. Independentemente

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026