Ceos Galegos > Milleiros e milleiros de estrelas, e unha galaxia

Milleiros e milleiros de estrelas, e unha galaxia

Créditos da imaxe: Gonzalo González Bernárdez

O seu descubridor (que saibamos) foi Halley, de nome Edmond, hai uns catro séculos. Este astrónomo real foi famoso por deducir por primeira vez a órbita dun cometa. Empregou as leis de Newton, amigo e coetáneo. E a posteridade premiouno baptizando ao cometa co seu nome, cometa Halley.

Eran os comezos do século XVIII cando anotou sobre a imaxe de hoxe:

“Isto non é máis ca unha pequena mácula, pero móstrase incluso a ollo nu, cando o ceo está quedo e a Lúa ausente”.

Hai que desculparlle que os telescopios da época eran de poucos aumentos, aínda que a nula contaminación luminosa axudaba o seu.

Un século despois pouco máis se avanzara. Charles Messier incluíuno tamén no seu famoso catálogo de nebulosas, para non confundilo cun cometa. Describíuno como:

Nebulosa sen estrelas, descuberto no cinto de Hércules; é redondo e brillante, co centro máis brillante ca nos bordos, percíbese cun telescopio dun pé.


E etiquetouno coma M13. Máis adiante os astrónomos puxéronlle o modesto nome de Gran Cúmulo Globular de Hércules. O de Gran Cúmulo porque está ateigado de estrelas, centos de milleiros, nun diámetro de só 150 anos luz. O de globular por pertencer a unha raza de agupacións estelares que orbitan polo exterior da nosa Vía Láctea. Probablemente, pola idade que se lles calcula, sexan os cernes de galaxias antigas atrapadas pola nosa. E, como é evidente, o alcume de Hércules refírese á constelación na que se ubica. E tedes sorte, nesta época do ano domina o noso ceo nocturno e resulta sinxelo de enxergar.A imaxe tirada desde terras arzuanas de Oíns na noite do 30 de maio domina M13, aínda que na súa parte central as numerosas estrelas. Pero no recuncho superior esquerdo colouse unha galaxia afastada 30 millóns de anos luz (NGC 6207), polos 25.000 aos que está o cúmulo. Precisou un total de 14 tomas de un minuto cada unha coa súa cámara fotográfica 600D, acoplada a un pequeno telescopio. Máis o correspondente procesado informático posterior.

Poderías gostar de...

Deixar unha resposta

A %d blogueros les gusta esto: