Aquí Xúpiter, aquí uns amigos

Créditos da imaxe: Marco Antonio Vilar Sanlés

Mira ao sur, saíndo polo horizonte, tralo solpor. A luz máis brillante do ceo nocturno, durante este verán. Si, esa luz brillante é un planeta. O máis grande do sistema solar. Pode distinguirse das estrelas porque a súa luz non escintila como a destas. É Xúpiter. A simple vista non o dirías; non ten nada que o distinga doutros planetas. Se miraras á mesma zona hai un ano quizais lembrases que non estaba aí. Se miras cara el cuns prismáticos verás que é un punto gordo e, poida que albisques uns puntiños brillantes ao seu redor no mesmo plano.

Aquí facilitámosche o chollo con esta fermosa imaxe. Imaxe, que non fotografía porque para  acadar tanto detalle o autor fixo en realidade unha película do planeta. Cunha cámara dixital acoplada ao telescopio gravou unha secuencia de varios minutos. Despois, cunha aplicación informática, sumou a información de todos os fotogramas para acadar unha única imaxe con todo este detalle. Un total de 1200 fotogramas amoreados e aportando información de cor e detalles.

Ves o planeta? En realidade é a súa atmosfera, densa e chea de cintos de tormentas, ciclóns e nubes. De actualidade porque desde 2016 a humanidade ten unha sonda espacial dándolle voltas e espreitando os seus misterios (terá un núcleo sólido ou simplemente un interior máis e máis denso?). E porque esa gran mancha vermella que detectamos arriba e á esquerda, ten nome seu: a Grande Mancha Vermella, un enorme ciclón descuberto desde o primeiro momento que comezamos a mirar a Xúpiter cun telescopio aló polo século XVII, comeza a dar síntomas de esvaerse.

Máis? A manchiña negra de arriba á esquerda é a sombra dun satélite. De nome Ío, que se ve á esquerda do planeta, proxecta a súa sombra sobre o mesmo. Hai 4 séculos fora descuberto por Galileo Galilei. E aí segue.

Para esta imaxe, tirada hai un mes, o autor empregou un telescopio reflector con dúas lentes de aumento maila súa cámara Canon EOS 4000D acoplada.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

3 comentarios en “Aquí Xúpiter, aquí uns amigos”

  1. Impresionante. Entendo que para facer a gravación, se necesita un telescopio con motor que permita gravar á cámara na mesma posicion, xa que sen él, o planeta sairía de foco, non?

Os comentarios están pechados.