A quen madruga… fita de Alexandre

Créditos da imaxe: Camilo Fumega Ucha

Sol, nós e chuvia. Con eses ingredientes aliñados podemos gozar dun arco da vella. Nós, no medio, deberemos ter o Sol no lombo. Canto máis baixo estea no horizonte, tanto máis alto estará o arco e máis amplo será. Porque en realidade os arcos da vella son circulares, pero nós só vemos o anaco que fica por riba da Terra.

As cores do arco da vella débense a descomposición da luz branca que atravesa as pingas de auga. Así foi amosado por Isaac Newton valéndose dun prisma de cristal, hai tres séculos. Cada unha das cores pertence a unha ondulación cunha lonxitude de onda diferente. Ao atravesar un medio diferente (do aire á auga), cada unha é refractada nun ángulo diferente debido ao cambio na súa velocidade de transmisión, aparecendo en lugares afastados.

En moitas ocasións, se as circunstancias con propicias, poderemos ver un segundo arco da vella máis feble provocado por unha segunda refracción da luz saínte das pingas de auga nunhas segundas pingas. Na nosa imaxe aparece en ámbolos dous extremos, por riba do principal e coas cores invertidas.

Entre os dous arcos o ceo aparece máis escuro. Foi un fenómeno documentado por vez primeira por Alexandre de Afrodisias, no século II d.C. As raiolas alumean a parte interior do arco ou sofren unha soa refracción que crea o arco de cores. As raiolas que sofren dúas refraccións son desviadas para crear o segundo arco. As pingas de auga aliñadas entre nós e o espazo entre os arcos reciben menos luz e semellan máis escuras. Por certo, recibe o nome de banda escura ou fita de Alexandre na súa honra.Esta imaxe foi tomada por un astrofotógrafo amador do Carballiño, un experto en fotografar planetas que desta volta madrugou ás 7 da mañá para ver o ceo cuberto. Pero recibindo o premio dun espectacular arco da vella digno de ser rexistrado.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024