Dúas galaxias chocando

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Na familia das galaxias, como no océano, o peixe grande devora ao pequerrecho. Unha enorme galaxia con forma de espiral, que domina a imaxe, está a interaccionar cunha máis pequena pola parte de abaixo, de forma irregular. E así é. Non hai choques entre estrelas. Non hai emormes cataclismos apocalípticos. Simplemente entra en marcha a gravidade. Cada galaxia ten enormes espazos libres de estrelas no seu interior. As forzas de atracción de marea da galaxia máis grande van turrando das estrelas da máis pequena, deformándoa e pasando a integrarse na primeira. En función da diferencia relativa de tamaños, a máis grande manterá a súa forma ou será perturbada lixeiramente. Pero acabará por vencer. E manterá esa aparencia de gran remuíño cósmico. Pois ese é un dos seus nomes, a galaxia Remuíño. O outros, M51a ou NGC 5194, son as denominacións máis serias.

Este evento ten lugar a uns 31 millóns de anos luz. Que pode parecer moito, que o é. Pero está ao noso carón, en termos astronómicos. O proceso de colisión e absorción galáctico tamén durará uns cantos millóns de anos. E pode parecer lento, que o é. Pero resulta bastante rápido, tamén en termos astronómicos.

Sobre un fondo de estrelas da nosa propia galaxia, en primeiro plano, aparecen na parte esquerda outro par de galaxias moito máis afastadas. Chegas a velas? Na imaxe é sinxelo. Se quixeras albiscar ao Remuíño precisarías empregar un pequeno telescopio. Aí verías un borrancho abrancuzado. Apunta por baixo da cola do Setestrelo na Osa Maior, nunha pequena constelación chamada Cans de Caza.

Se queres obter tanto detalle como o da imaxe precisarías un lugar moi escuro (neste caso o miradoiro estelar da Lagoa das Tablillas, concello ourensán da Veiga), un telescopio (neste caso un reflector 200/1000), unha cámara réflex (foi unha Canon EOS 550D) e a paciencia e pericia para tirar 12 tomas de 300 segundos de exposición (e algunha máis para calibración) usando unha sensibilidade de ISO 800. E o posterior traballo dixital posterior para amorear esas tomas e salientar os detalles apropiados.

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on telegram

Poderías gostar de...

Dous camiños, dous destinos

Arriba, no ceo, hai un camiño de estrelas. Abaixo, na terra, hai un camiño de pedras. O camiño de arriba non leva a ningures; aínda

Cita cósmica

Todo é gravidade. Ou case todo. A forza da gravidade é a que rexe os movementos no cosmos. Os planetas, as estrelas, as galaxias, os

As máis buscadas

Olla aí. Parecen nubes, sen máis. Pero non, son moito máis. Son nubes noctilucentes. As nubes más raras do noso país. De feito, apenas hai

Procura

Subscríbete!

Calendario Ceos Galegos 2021