Dúas galaxias chocando

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Na familia das galaxias, como no océano, o peixe grande devora ao pequerrecho. Unha enorme galaxia con forma de espiral, que domina a imaxe, está a interaccionar cunha máis pequena pola parte de abaixo, de forma irregular. E así é. Non hai choques entre estrelas. Non hai emormes cataclismos apocalípticos. Simplemente entra en marcha a gravidade. Cada galaxia ten enormes espazos libres de estrelas no seu interior. As forzas de atracción de marea da galaxia máis grande van turrando das estrelas da máis pequena, deformándoa e pasando a integrarse na primeira. En función da diferencia relativa de tamaños, a máis grande manterá a súa forma ou será perturbada lixeiramente. Pero acabará por vencer. E manterá esa aparencia de gran remuíño cósmico. Pois ese é un dos seus nomes, a galaxia Remuíño. O outros, M51a ou NGC 5194, son as denominacións máis serias.

Este evento ten lugar a uns 31 millóns de anos luz. Que pode parecer moito, que o é. Pero está ao noso carón, en termos astronómicos. O proceso de colisión e absorción galáctico tamén durará uns cantos millóns de anos. E pode parecer lento, que o é. Pero resulta bastante rápido, tamén en termos astronómicos.

Sobre un fondo de estrelas da nosa propia galaxia, en primeiro plano, aparecen na parte esquerda outro par de galaxias moito máis afastadas. Chegas a velas? Na imaxe é sinxelo. Se quixeras albiscar ao Remuíño precisarías empregar un pequeno telescopio. Aí verías un borrancho abrancuzado. Apunta por baixo da cola do Setestrelo na Osa Maior, nunha pequena constelación chamada Cans de Caza.

Se queres obter tanto detalle como o da imaxe precisarías un lugar moi escuro (neste caso o miradoiro estelar da Lagoa das Tablillas, concello ourensán da Veiga), un telescopio (neste caso un reflector 200/1000), unha cámara réflex (foi unha Canon EOS 550D) e a paciencia e pericia para tirar 12 tomas de 300 segundos de exposición (e algunha máis para calibración) usando unha sensibilidade de ISO 800. E o posterior traballo dixital posterior para amorear esas tomas e salientar os detalles apropiados.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024