As imaxes nas redes sociais pasan e fican no esquencemento. As páxinas web e blog son duradeiras, polo menos mentres teñan administrador e servidor operativo. Velaquí unha galería coas imaxes tiradas por fotógrafos galegos da eclipse parcial de Lúa do 17 de xullo de 2019.
Na listaxe inferior describimos os parámetros técnicos da imaxe. En xeral, tipo de cámara, tipo de apertura ou focal (F), tempo de exposición ou tempo de apertura do diafragma (en segundos ou fraccións) e sensibilidades (ISO). Deste xeito, podedes comparar as diferencias obtidas ao “xogar” cos diferentes parámetros de cada cámara.
Imaxes 1, 2 e 3
Crédito: Robot Milagroso
Unha secuencia de tres imaxes da eclipse parcial de Lúa de xullo, realizadas desde o mesmo lugar: o reitorado da Universidade da Coruña. O autor empregou unha cámara Nikon D5300 a F5, velocidade de obturación 1/3 s e sensibilidade ISO 400.
Imaxe 4
Créditos: Pablo J. Martínez Alemparte
Unha imaxe única feita desde O Vixiador de Vigo. Cunha cámara Sony A6000 acoplada directamente a un telescopio refractor e 4 segundos de tempo de apertura e sensibilidade ISO 100. O resultado, a cor avermellada da parte escurecida da Lúa grazas á sobreexposición e unhas nubes no cadro que lle dan un aire máxico.
Imaxes 5 e 6
Créditos: Carliños Meco Fotografía
As dúas imaxes fixéronse desde O Grove (Pontevedra) ás 00:07 horas cuns segundos de diferencia entre elas. Ámbalas dúas cun teleobxectivo montado nunha cámara Nikon D5100, resultando nunha equivalencia de 900 mm. As dúas comparten apertura F8 e sensibilidade ISO 3200. Pero realizáronse con diferentes velocidades de obturación do diafragma, o que nos permite comparar os resultados: a primeira precisou de 1 s e a segunda de 1/250 segundos.
Imaxe 7
Créditos: Lourdes Rey
Entre nubes e desde Sada; a autora acadou esta toma sobre as 23:00 da noite cunha sensibilidade de ISO 800 e F8.
Imaxe 8 e 9
Créditos: Noa Táboas
As dúas imaxes foron realizadas co mesmo equipamento fotográfico, unha cámara Nikon D810, apertura F8 e sensibildiade ISO 640. A diferencia entre ambas é a hora, ás 00:06 a primeira e ás 1:21 a segunda, así como a velocidade de obturación: 1/100 s e 1/30 s respectivamente.
Imaxe 10
Créditos da imaxe: Marco Antonio Vilar Sanlés
Imaxe obtida a partires de sumar os fotogramas dun vídeo de 1 min. Empregou unha cámara Canon EOS 4000D acoplada directamente a un telescopio Celestron LCM60, sobre as 23:30. Desde Ribeira (A Coruña).
Imaxe 11
Créditos da imaxe: Fins Eirexas
Entre as nubes do ceo de Santiago de Compostela o autor tirou 8 instantáneas consecutivas que amoreou mediante aplicación informática. 5 delas fixéronse cunha velocidade de obturación de 1,6 s, sobreexpoñendo a Lúa eclipsada. Outras 3 cun tempo de 1/25 s. Todas cunha sensibilidade de ISO 100 e realizadas con cámara Nikon D600 e guiado.
Imaxes 12, 13 e 14
Créditos das imaxes: Bernardo Rebollo de la Torre
As tres tomas están tiradas desde Marín (Pontevedra), ao redor das 00:15 da madrugada. Feitas con cámara réflex Canon EOS450D.
A primeira é un amoreado con aplicación informática de 20 tomas con sensibilidade ISO 400 e velocidade de obturación do diafragma de 1/1250.
A segunda é unha toma única a ISO 1600 e velocidade 1/1250, tratada informaticamente para tirarlle detalle á Lúa e o ton avermellado.
A terceira é unha composición de 39 tomas amoreadas e recurtada ao final. A velocidade de obturación foi de 1/320 s con sensibilidade ISO 100.
Imaxes 15 e 16
Créditos das imaxes: Sindo Nóvoa
A primeira imaxe é unha dobre exposición con apertura F8 e tempo de exposición de 1/30 s. Empregáronse diferentes valores de sensibilidade para capturar de xeito definido tanto a Torre de Hércules como a Lúa eclipsada: ISO 1600 para a Torre e 200 para a Lúa. As fotos están tiradas dende a Rosa dos Ventos (A Coruña).
A segunda, que pecha a nosa galería, outra dobre exposición para integrar os dous obxectos na mesma imaxe, o terrestre mailo celeste. Neste caso con diferentes parámetros para a imaxe do castelo (1/30 segundos, F4 e ISO 800) e para a Lúa (1/200 s, F8 e ISO 100.
A cámara empregada foi unha Nikon D750 con diferentes obxectivos.