Tres planetas, unha viña e unha perseida

Créditos da imaxe: Antonio Paz Vázquez

Reciclaxe cósmica. Iso son as perseidas. Refugallos perdidos no espazo que tratan de entrar na Terra. A nosa atmosfera protectora impídeo. Nese proceso, os refugallos deixan un desvelador ronsel brillante. De aí o nome popular de “estrela fugaz”. Son fugaces, aínda que non son estrelas.

Todo comezou moito tempo atrás. Hai máis de 4.500 millóns de anos que se formou o noso sistema solar. Durante o longo proceso no que partículas, po, grans, rochas… se foron agregando para formar os diferentes astros que hoxe o conforman quedaron refugallos. Unha chea de xeo suxo, po, grans, rochas e todo tipo de restos perdéronse en varias órbitas máis aló de Plutón, o anano. Remataron por amorearse de xeito organizado caoticamente en sendas zonas denominadas Cinto de Kuiper e Nube de Oort, respectivamente. De cando en vez, as interaccións debidas á gravidade provocan que algúns deses corpos saia despedido e se pasee polo interior do sistema solar. Algún incluso de xeito periódico, convertíndose en cometas cun periodo que vai duns poucos anos a varios centos. Eses cometas, ao se achegaren ao Sol, comezan a recibir o impacto do vento solar. Polo súa traxectoria van deixando así un ronsel de pequenas partículas. Cando o noso planeta atravesa unha nube desas partículas estas as denominadas “chuvias de estrelas” ou meteoros. Por iso podemos prever en que noites do ano é máis probable gozar dos ronseis meteóricos no noso ceo. Aínda que calquera día se pode ver algún.

No noso caso, o responsable é o cometa Swift-Tuttle que cada 135 anos se pasea polo achega ao Sol. A fermosa paisaxe trátase da da Ribeira Sacra na zona do río Miño na parte inferior da imaxe e a Vía Láctea na superior. Do cometa cazamos un meteoro das perseidas que case pasa por diante de Xúpiter, o punto máis brillante da imaxe. Un viñedo na Ponte de San Fiz de Asma ofrécenos o seu primeiro plano. No horizonte colouse outro ronsel, por baixo de Saturno, á esquerda da Vía Láctea. Adiviñas que pode ser?

O autor compuxo unha panorámica de 6 imaxes verticais tiradas o 3 de agosto contra as 23:30 desde as Ribeiras de San Fiz de Asma (Chantada), na Ribeira Sacra do Miño. Por certo, xa convocamos o noso concurso anual #PerseidasGalegas19. Podes participar como fotógrafo, enviando a túa imaxe e competindo por algún dos dous premios. E tamén podes participar como usuario desta web, votando dentro duns días pola túa imaxe favorita e entrando no sorteo que faremos entre os votantes. Un anticipo da nosa convocatoria anual de premios ás mellores imaxes do ano.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

1 comentario en “Tres planetas, unha viña e unha perseida”

Os comentarios están pechados.