Lóstregos infernais

Créditos da imaxe: Miguel Baz Alonso

O ceo arde. Lóstregos e tronos enchen a noite. Na tormenta da pasada fin de semana descargaron mil cinco centos raios no ceo galego. Un proceso de reequilibrio de cargas eléctricas que xera un auténtico espectáculo natural.

As nubes están formadas por pequenas pingas de auga. No interior das nubes hai ventos moi turbulentos. As pingas de auga que están abaixo viaxan cara arriba, arrefriando ao chegar a un contorno máis frío. Ao mesmo tempo, as pingas xeadas son levadas cara abaixo polas correntes de aire. O encontro entre xeo descendente e auga ascendente fai que se arrinquen electróns, resultando na formación dunha nube con exceso de cargas negativas na parte inferior e de cargas positivas na parte superior. Así créase un campo eléctrico moi forte, onde a atmosfera actúa de aillante entre campo e nube. Cando a carga amoreada supera as propiedades aillantes da atmosfera prodúcese a descarga en forma de raio.

Estas descargas luminosas ou lóstregos seguen o camiño máis doado e achegado para liberarse. Así é habitual que haxa lóstregos no interior ou entre nubes. Pero tamén moitas veces procuran o camiño cara abaixo, buscando “tomar terra”.A imaxe deste novo colaborador recolle descargas horizontais que parecen ir de nube a nube. Pero tamén tres lóstregos que acaban impactando no océano Atlántico. Coa súa cámara Nikon D7500, empregou un tempo de exposición de 17 segundos, apertura F8 e ISO 100 desde o monte de Santa Tegra. Abaixo, o esteiro do río Miño facendo fronteira entre España e Portugal.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024