Unha fervenza de estrelas

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

Unha corrente de estrelas percorre o ceo. O espiñazo da noite, para os bosquimáns. O camiño de Santiago, para nós. A Vía Láctea, a nosa galaxia, para todos. Todas as estrelas que se ven na imaxe pertencen á nosa galaxia, centos ou milleiros delas. O plano principal, no que anda o noso Sol, tan ateigado de estrelas, po e hidróxeno que lle dan ese aspecto de nube tan fotoxénico. Pero tamén están na Vía Láctea as estrelas que están á dereita e á esquerda, que no espazo podería ser arriba e abaixo. Todas elas móvense polo cosmos ligadas entre si pola gravidade e mantendo unha forma de espiral.

Non temos imaxes desde o exterior da nosa galaxia, pois ninguén foi tan lonxe para tirar unha foto. Pero temos satélites que cartografían a posición das estrelas e podemos facernos un debuxo da Vía Láctea. Grazas a satélites como o Gaia da Axencia Espacial Europea, no que participan astrónomas das universidades da Coruña e Vigo, seguimos a descubrir cousas novas da nosa galaxia. Así, un río de estrelas con varias irregularidades pode aportar ter indicios da presenza de nubes de materia escura, unha sustancia da que aínda sabemos máis ben pouco.

Na nosa imaxe aparecen tamén nubes coloradas. Son zonas de moito gas hidróxeno nos que se están a formar novas estrelas. Como a máis brillante da imaxe, Vega, á dereita da galaxia. Na constelación da Lira, xunto con Altair (a brillante preto do horizonte á esquerda da galaxia) e Deneb (no medio da Vía Láctea, máis arriba, a terceira máis brillante nesta noite) conforman o que denominamos Triángulo de Verán. Porque forman un triángulo. E porque estamos no verán.Mentres no ceo aínda caían os meteoros das perseidas na terra cae a auga da fervenza da Toxa (Silleda, Pontevedra), a máis alta do país. Nas imaxes que compuxo o autor para obter esta panorámica valeuse dunha lanterna para alumear detalles do primeiro plano. A cámara empregada foi unha Nikon D600 cun obxectivo Nikkor AI 28mm f/2 @ f/4. Tamén empregou un filtro para salientar os tons vermellos e laranxas do ceo. Cada unha das tres instantáneas para o ceo requiriu de 60 segundos de exposición a ISO 2500 e para a da fervenza 30 segundos a ISO 6400.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

1 comentario en “Unha fervenza de estrelas”

Os comentarios están pechados.