Créditos da imaxe: Marco Antonio Vilar Sanlés
Saturno, o planeta dos aneis, ten máis de 60 satélites. Que se saiba, claro. O primeiro en descubrirse, coa chegada do telescopio, foi Titán, cun tamaño un 50% maior ao da nosa propia Lúa. Fóra desta imaxe, Titán pódese albiscar de xeito doado cuns prismáticos aparecendo coma un punto relocente ao carón do óvalo brillante de Saturno.
Coa aparición do telescopio na idade moderna foise ampliando o censo de satélites. Xa na última década, o traballo sen descanso da sonda Cassini aumentou a cifra ata os 62 actuais, se ben a meirande parte son pequenos corpos de forma irregular.
O comezo da misión Cassini tiña o nome de Cassini-Huygens pois, xunto coa primeira, viaxou un aterrizador que se deixou caer en Titán na década pasada. Desa misión da Axencia Espacial Europea ESA obtivemos as primeira imaxes directas dunha lúa diferente á nosa. Das investigacións seguintes da Cassini apareceron descubrimentos abraiantes e novos misterios. Polo pronto, parece ter un océano global de hidrocarburos recuberto dunha codia de xeo de auga, máis un completo ciclo da hidrocarburos con nubes, chuvia, ríos e lagos. Condicións todas elas favorables para a posible existencia dalgún tipo de vida. De aí que hai uns meses a NASA escolleu dentro das misións máis destemidas a proposta para explorar Titán. A novidade está en que será un dron con 8 hélices e capacidade para realizar voos curtos e aterraxes que lle permitan explorar un territorio moito máis amplo. Moita da tecnoloxía necesaria aínda terá que evolucionar desde o estado actual. Non en van, a misión ten previsto o despegue na vindeira década. E chegará a Titán en 2034. Pero moito antes, o 12 de outubro de 2019, en Castrelo de Miño (Ourense) contaremos coa presenza de Scot Rafkin, un dos integrantes do equipo científico da misión. E Ceos Galegos é un orgulloso colaborador do evento #AstroGalicia19 un ano máis. Marcade as vosas axendas.
Esta imaxe de Saturno amosa o colorido en franxas da densa atmosfera que o envolve. Tamén parte da estrutura dos aneis, a chamada división de Cassini é a máis evidente, nomeada (como a sonda espacial) na honra do astrónomo italiano que a descubriu hai 3 séculos. Tirada a finais de xullo desde Castiñeiras (Ribeira, A Coruña), o autor gravou un vídeo de 45 s con cámara Canon Eos 4000D acoplada a telescopio reflector 200/1000. Co correspondente procesado informático amoreou todos os fotogramas para acadar o resultado que se amosa.
1 comentario en “Imos a Titán!”
Os comentarios están pechados.