Ronsel de galaxias

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Os planetas agrúpanse ao redor das estrelas. As estrelas amoréanse en galaxias. As galaxias xúntanse en cúmulos galácticos. Os cúmulos crean estruturas enormes que conforman todo o cosmos.

A nosa Terra agrúpase  ao redor do Sol xunto con outros 7 planetas, varios planetas ananos (cun censo en aumento constante), varios cintos de asteroides, cometas e outros astros. O noso Sol paseáse polo ceo xunto con outros milleiros e milleiros de estrelas pertencentes á galaxia da Vía Láctea. Esta mantén unha estrutura de brazos en espiral, máis ou menos estable. As estrelas van interaccionando entre elas pola atracción da gravidade e mudando a forma da galaxia. A nosa galaxia, xunto con outras como a galaxia de Andrómeda, a do Triángulo e unhas cantas galaxias irregulares e outras ananas paseánse da man da gravidade formando o denominado Cúmulo Local. Dentro del atráense, interaccionan, chocan, fusiónanse unhas con outras ao longo de eóns.

Na imaxe vemos uns centos de estrelas da nosa galaxia. Pero tamén hai galaxias que pertencen a outro cúmulo galáctico, o de Virgo. Unha monstrosidade de cúmulo que conta cun milleiro de integrantes. Denomínase cadea de Markarian, aínda que neste caso non a vemos completa. Entre as que ficaron fóra, xusto por riba do bordo superior, M87, a galaxia máis importante deste ano. Mañá falaremos dela.

O autor tirou esta imaxe no pasado mes de maio desde o miradoiro estelar das Tablillas, na Veiga (Ourense). Valeuse da súa cámara Canon EOS550D acoplada ao seu telescopio reflector. Precisou de 14 tomas de 300 segundos, máis dúas tomas adicionais de calibración, con sensibilidade ISO 800.

Poderías gostar de...

Unha eclipse NON total de Sol

Foi por pouco, pero a eclipse non chegaba onda nós. Uns minutos despois do momento no que comezaba a Lúa a se meter na nosa

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

1 comentario en “Ronsel de galaxias”

Os comentarios están pechados.