O código de barras do país

Créditos da imaxe: Dominic Royé

O tempo é unha cousa. O clima é outra. O tempo meteorolóxico, a predición meteorolóxica, mide o inmediato, o dos vindeiros días ou semanas. O clima aprézase co paso dos anos, a repetición de patróns meteorolóxicos que permiten definir o clima dunha zona.

A percepción humana da meteoroloxía é moi subxectiva. Incluso, temos pouca memoria para lembrar como foi o tempo meteorolóxico en meses ou anos recentes. Sempre temos en mente o clima da nosa zona e comparamos. Os invernos xa non son como os de antes. Vaia forma de chover. Vai unha calor coma nunca. Mais os datos son fríos e obxectivos. Postos en contexto gañan moito e podemos extraer conclusións.

A imaxe de hoxe agrupa a temperatura media no noso país ano a ano. Dun ano para outro apenas hai cambios. Unhas décimas de temperatura que se traducen nun ton de cor lixeiramente diferente. Pero cando miramos por décadas ou afastamos a ollada e admiramos a imaxe global a tendencia é clara. Podemos aprezar como o clima de agora é diferente ao de hai un século.

O clima está a mudar. A temperatura media está a aumentar. Os factores humanos que poden provocar eses cambios na temperatura coñécense ben e son compatibles con que sexan os responsables da mudanza climática que estamos a sufrir. Tan compatibles que a ciencia demostrou ata onde se pode demostrar que a relación é directa. Hai consenso científico na súa relación causa-efecto. Hai consenso nas medidas a tomar para evitalo ou, polo menos, mitigalo. A nós apenas nos afectará. Aos nosos fillos si.

A imaxe do noso autor está realizada a partires de datos homoxeneizados e corrixidos do proxecto Berkeley Earth. O rango de temperaturas vai desde os 10,88º (o azul máis escuro) ata os 14,22º (o vermello máis escuro).

Hoxe, 27 de setembro de 2019, é a folga mundial polo clima.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024