Un fermoso non cometa

Creditos da imaxe: Gonzalo González

O astrónomo Charles Messier estaba decidido a ser famoso practicando a caza e descubrimento de cometas, na Franza do século XVIII. Pero a procura de cometas era algo vagaroso. Había que localizar manchas abrancuzadas no telescopio, observalas durante varios días e decidir se tiñan movemento de seu ou non. Tras varios fracasos decidiu invertir a súa procura, pasando a catalogar todos os obxectos difusos que era quen de enxergar co seu telescopio. Así, unha vez recompiladas todas as nebulosas do ceo toda nova mancha difusa tiña que ser por necesidade un cometa novo.

Messier foi quen de clasificar máis dun cento de nebulosas nun catálogo que aínda é hoxe é famoso entre astrónomos amadores de todo o mundo. Non en van, os obxectos por el clasificados están ao alcance dos primeiros telescopios que empregamos. Entre eles, figura a primeira nebulosa planetaria descuberta: M27. En realidade non ten nada de planeta, pero mantemos a denominación por tradición.

Hoxe sabemos que M27 é o resultado da morte dunha estrela parecida ao noso sol. Ao esgotar o seu combustible non é quen de aturar a gravidade que busca o colapso da enorme bóla de hidróxeno, derrubándose sobre si mesma e estoupando. Así, enche o universo cos materiais que se foron creando nos sucesivos procesos de fusión. Ese po rico en elementos químicos vaise esvaendo no universo ata que non quede nada dentro duns milleiros de anos. A estrela moribunda que ficou no seu interior fai brillar os átomos de hidróxeno, osíxeno e outros ao excitalos coa súa radiación ultravioleta.

M27 recibe tamén o alcume de nebulosa Dumbbell polo seu parecido a unha haltera. De feito, un século despois do seu descubrimento o astrónomo Jonh Herschel definiuna coma o “resultado do disparo dunha escopeta de dous canos”. Aínda que máis axeitado podería ser chamala nebulosa Mazá.

Está uns 1 200 anos luz de distancia na constelación da Raposa, preto do Cisne, foi captada polo noso autor desde os escuros ceos de Trevinca (A Veiga, Ourense), a comezos deste mes. Precisou de 13 tomas de 80 segundos de exposición e tomas adicionais de calibrado, a ISO 1 600.

Por certo, ao final da súa vida Messier descubrira trece cometas.

Poderías gostar de...

Tres ducias de perseidas e moito máis

Unhas cantas horas de observación e 600 fotografías despois resultan nesta imaxe: máis de tres ducias de perseidas no mesmo cadro. Se prolongamos os ronseis

Auroras boreales galegas

Décadas agardando contemplar desde o país este fenómeno extraordinario remataron nas noites do 10 e o 11 de maio. Unha gran actividade solar xerou unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

1 comentario en “Un fermoso non cometa”

Os comentarios están pechados.