Desde o Vilar

Créditos da imaxe: Enrique García

A Vía Láctea érguese por riba da praia do Vilar nesta madrugada do primeiro día de xuño. O punto máis brillante da imaxe é o xigante gasoso Xúpiter. Da súa posición parece nacer un río escuro cara abaixo e á dereita. Denomínase o río negro de Rho Ofiuchi, unha nube de po escurecedor que impide ver as estrelas que están por detrás. Parece rematar nun punto brillante, a estrela Antares da constelación Escorpión, da que se apreza a súa cor amarelada.

Á outra beira da Vía Láctea está Saturno, o punto brillante que, xunto con Xúpiter, acompañaron a contemplación da nosa galaxia durante todo este verán. En primeiro plano, un posto de vixilancia do equipo de socorristas aporta fondura e contraste á paisaxe.

Pero nesta imaxe nocturna hai moitas máis cores que non son naturais. Ese púrpura do horizonte é provocado polo novo alumeado LED instalado en Aguiño. Nada como meter máis potencia luminosa e unha mala escolla de tipo de alumeado para conseguir o contrario do que se buscaba: maior gasto e contaminación luminosa. Por todo o horizonte queda en evidencia o exceso de enerxía desperdiciado no alumeado público.

A imaxe precisou 3 instantáneas de 8 segundos de exposición cunha sensibilidade ISO 3200, unidas posteriormente para obter unha panorámica máis ampla. Todas foron realizadas coa cámara Sony a7iii do autor.

Por certo, esta imaxe foi candidata para figura na edición #CeosGalegos20 pero non foi escollida. Imaxinade a calidade das seleccionadas.

Poderías gostar de...

Unha eclipse NON total de Sol

Foi por pouco, pero a eclipse non chegaba onda nós. Uns minutos despois do momento no que comezaba a Lúa a se meter na nosa

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

2 comentarios en “Desde o Vilar”

Os comentarios están pechados.