Por riba das nubes

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Ás veces pasa. Estás na montaña e vai máis calorciño que no val. As nubes baixan en vez de subir. A pouco que ascendas xa estás por riba do mar de nubes. É a inversión térmica. E produce paisaxes fermosas e diferentes. E un ceo fermoso.

Pasoulle ao noso fotógrafo a comezos deste mes, no miradoiro estelar das Tablillas (A Veiga, Ourense). Mentres unha Lúa en cuarto crecente baixaba para deixar unha noite perfecta para a fotografía astronómica, a súa luz reflectida nas partes altas das nubes creaba paisaxes estrañas. Debido ao exceso de luz que emite a Lúa, aparece moi brillante na imaxe, sendo imposible ver a súa forma. Por contra, dese xeito conseguimos ver as estrelas, que son moito menos brillantes. Incluso se percibe a Vía Láctea subindo á dereita da Lúa. En termos fotográficos dicimos que a Lúa está sobreexposta. Tamén dificulta aprezar que un dos puntos brillantes ao carón do noso satélite é en realidade o planeta Saturno, nada espectacular nesta imaxe.A zona de Trevinca é un dos dous territorios galegos que teñen a certificación Destino Turístico Starlight, emitida pola fundación do mesmo nome. Xunto co Parque Nacional das Illas Atlánticas este certificado privado acredita que teñen unhas cualidades excelentes para a contemplación dos ceos nocturnos. E, como a contaminación luminosa é reducida, pódense desenvolver actividades turísticas baseadas na observación das estrelas. Ten que haber tamén infraestruturas e actividades relacionadas co turismo maila integración na natureza nocturna.

Poderías gostar de...

A eclipse galega de sol (i)

Unha eclipse total de sol é o maior espectáculo que a natureza nos pode ofrecer. Gozar del ao carón do fogar é unha simple casualidade

A Eclipse Galega (i): que imos sentir

Unha eclipse total de sol é, sobre todo, unha experiencia para sentir, para vivir, en solitario ou coa familia ou co grupo de amizades. Independentemente

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026