Créditos da imaxe: Fins Eirexas
Na mitoloxía grega castigábase a Atlas, un dos titáns, coa responsabilidade de soster a esfera do ceo sobre os seus ombreiros. Non temos moi clara a cosmovisión dos nosos devanceiros, moradores do milleiro de castros que ateiga todo o país. Sabemos que o Monte do Pindo (Carnota, A Coruña) tiña certo carácter sagrado para eles. As formacións graníticas que posúe aínda lle dan certa singularidade xeolóxica hoxe en día. Ata o punto que moitos dos penedos teñen nome de seu, como este Xigante da Mina que fica no Chan de Lourenzo.
Ao igual que as rochas terrestres, as estrelas máis brillantes do ceo teñen nome de seu. Incluso algunhas constrúen formas xeométricas recoñecibles. Ss máis brillantes desta imaxe forman o denominado triángulo de verán. No alto da imaxe está a estrela Vega, no verán adoita estar no mesmo cénit do ceo nas primeiras horas da noite. Abaixo á dereita, preto do horizonte, destaca a estrela Altair. Pechando o triángulo un pouco á esquerda do centro e no mesmo medio da nubosidade da Vía Láctea está Deneb. Cada unha destas estrelas é a máis brillante da súa respectiva constelación: a Lira, a Aguia mailo Cisne. Deste xeito, atopar estas estrelas resulta útil para recoñecer estas tres constelacións interesantes. Ben é certo que nesta imaxe é un pouco máis complicao; a longa exposición empregada pola cámara fai que vexamos moitas máis estrelas que a simple vista.
Empregouse unha cámara réflex dixital Nikon D600, unha sensibilidade ISO 3200, compoñendo 2 paneis en cada un dos cales se amorearon 3 imaxes de 120 segundos.