O peito do cisne

Créditos da imaxe: Pablo J. Martínez Alemparte

Arriba hai unha estrela brillante. É Sadr. Tamén recibe o nome de Gamma Cygnus, pois está na constelación do Cisne. No ceo vémola xusto onde se cruzan os dous brazos da chamada Cruz do  Norte, que se integra nesa constelación. Na imaxe atópase ao bordo dun río escuro, nubes de po que agochan as estrelas que hai por detrás. Ten o nome da Gran Fenda.

Sadr é unha estrela clasificada na categoría das superxigantes amarelas, sendo 65 000 veces máis luminosa có noso Sol pero a 1 300 anos luz de distancia. Sadr é unha das pouco máis de tres centos de estrelas que teñen nome de seu. Nalgúns catálogos estelares ten unha denominación algo máis fría como HR 7796. A IAU (Unión Internacional Astronómica) está a fixar os nomes históricos de moitas estrelas. Aproveitando o centenario da organización, está a desenvolver campañas de comunicación pública para “baptizar” outras estrelas do noso ceo que teñen certa singularidade.

HD 149143 é unha estrela da constelación de Ofiúco. Ten a curiosidade de contar cun exoplaneta orbitándoa. Agora, podemos votar para que ademais dese impersoal nome reciba do de estrela Rosalía e, o seu planeta, Sar. Unha iniciativa da Agrupación Astronómica Ío xunto coa Fundación Rosalía de Castro e que ti mesmo podes apoiar simplemente votando esta opción.

Sadr pode admirarse desde lugares con contaminación luminosa. Pero unha imaxe desta fondura precisa dos ceos escuros do miradoiro estelar da lagoa das Tablillas (A Veiga, Ourense). Alí, o autor tirou 12 imaxes de 6 minutos cada unha, máis tomas adicionais de calibrado. Empregou unha Canon EOS 450D acoplada ao telescopio durante unha noite despexada de finais de maio. As imaxes amoreáronse cun programa informático para poder obter sumar toda a información das mesmas.

A futura #EstrelaRosalia precisa duns prismáticos para ser contemplada, aínda que estea só a un par de centos de anos luz de distancia.

Poderías gostar de...

Unha eclipse NON total de Sol

Foi por pouco, pero a eclipse non chegaba onda nós. Uns minutos despois do momento no que comezaba a Lúa a se meter na nosa

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024