Eu voto por… Rosalía

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

…na frente unha estrela,

no bico un cantar.

Cantaba o poeta celanovés Curros Enríquez á “musa dos pobos”. Non existe no ceo unha estrela Rosalía, polo momento. Pero ata o martes 12 de novembro estamos a tempo de mudalo.

Hai unha estrela no ceo galego de nome HD 149143. E desde o ano 2005 sabemos que ten polo menos un planeta ao seu redor, baptizado co pouco lírico nome de HD 149143 b. A estrela xa fora descuberta a principios do século pasado, grazas ao traballo de pioneiras da astronomía coma Annie Jump Cannon. Así aparecía por primeira vez nun libro denominado “Catálogo Draper de espectros estelares”. Por iso precisamente o nome comeza por HD = Henry Draper, astrónomo en honra do cal se realizou aquela investigación. A estrela ten unha cor semellante ao do noso Sol ou, dito en termos máis finos, un espectro semellante; da clase anana amarela. Se ben é algo máis grande e masiva. No ceo podemos atopala na constelación de Ofiúco e moi preto do bordo coa constelación de Hércules.

Por outra banda, o planeta que lle coñecemos é enorme, cunha masa unhas 1,33 veces a de Xúpiter. Ten unha órbita un pouco maior que a de Mercurio e un periodo de 4 días. Pouco máis sabemos deste planeta pertencente á familia dos “xúpiter quentes”, por razóns obvias.

Queres que haxa no ceo unha estrela chamada Rosalía? Vota. É de balde. Queres que o seu planeta sexa chamado “Río Sar”? O teu voto vale polos dous.

A Unión Astronómica Internacional é a única con capacidade para nomear os astros do ceo. Ata o de agora, só unhas poucas estrelas teñen nome de seu, dos millóns de millóns que hai no Universo. Son case todos nomes herdados da historia da astronomía. Agora, ao estar de aniversario polos cen anos desde a súa creación podemos facerlle un regalo. A campaña de comunicación pública e de divulgación da astronomía que están a desenvolver asignou a cada país unha estrela para que sexa baptizada mediante concurso popular. Nós tivemos a sorte de que a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío maila Fundación Rosalía de Castro xuntaron esforzos para presentar esta candidatura de “Estrela Rosalía e Planea Sar”.

Vota. Nós xa votamos. Por Rosalía.

Poderías gostar de...

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

O xigante do tesouro

Ollade ben á torre do castelo. Dentro hai un pozo cheo de auga, o normal. Neste caso, o pozo ten un encantamento pois agocha unha

Dúas nebulosas

Á esquerda da imaxe podemos admirar a nebulosa NGC7000, alcumada Norteamérica porque a estrutura inferior remeda á península de Florida; cousas da pareidolia. Trátase dunha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026

2 comentarios en “Eu voto por… Rosalía”

  1. Pingback: Contos de #CeosGalegos (v): o castro maila estrela – Ceos Galegos
  2. Pingback: Rosalía é unha estrela – Ceos Galegos

Os comentarios están pechados.