Unha penca no Sol

Créditos da imaxe: Fins Eirexas

O Sol ten manchas. Unhas veces moitas. Outras veces poucas. As menos, ningunha. Estamos nunha desas veces que non ten manchas. Seguimos no mínimo de actividade solar, polo que a superficie amosa menos protuberancias, labaradas, manchas e resto de fenómenos solares. Estes ciclos solares, aínda sen estar explicados de todo, teñen unha duración aproximada duns 11 anos. Xa anda a comezar un ciclo novo.

O Sol non ten pencas, case nunca. Onte foi unha excepción. Por diante do Sol pasou o planeta Mercurio. Así, visto a contraluz, parece unha simple peca. Aínda que o planeta estea máis próximo a nós que a estrela, é tan pequeno que non se percibiu a simple vista que pasara por diante. Á diferenza de cando pasa a Lúa que, sendo máis pequena que Mercurio, pode provocar a escuridade total en forma de eclipse, porque está moito máis preto de nós.

Todos os anos hai eclipses solares, totais ou parciais. De tanto en tanto hai tránsitos de Mercurio. Onte houbo un, o anterior fóra hai tres anos, o seguinte en 2034. Máis tardan os tránsitos de Venus, o outro astro que está entre nós e o Sol. Houbo dous nos anos 2004 e 2012. Os próximos tócalles nos anos 2117 e 2125. A ver se chegamos a eles.

Historicamente os tránsitos foron importantes pois permitiron medir o tamaño do sistema solar cuns simples cálculos trigonométricos. Tamén xeraron moitos contos curiosos polas expedicións que fixeron algúns astrónomos para buscar os países nos que eran visibles. Hoxe son unha curiosidade máis para amadores da astronomía e para o público xeral. Para comprender o noso lugar no sistema solar, o noso lugar no cosmos.

Por certo, os tránsitos son un dos métodos polos que descubrimos planetas que orbitan outras estrelas. Medindo as pequenísimas variacións no brillo da estrela cando pasa un planeta por diante, se detectamos que esas variacións son periódicas.

A imaxe do tránsito de Mercurio foi tirada usando como marco o faro de Corrubedo. Impresiona que o planeta ao contraluz apareza na prolongación do pararaios do faro. Foron necesarias dúas instantáneas, unha para a paisaxe e outra para o Sol, combinadas nunha soa imaxe. Tiráronse desde 1,6 km de distancia, sen filtro solar grazas a estar xa preto do solpor e a existencia dunha capa de nubes baixas. A cámara empregada foi unha Nikon D600 cun teleobxectivo sobre un trípode.

Manda a túa foto do tránsito. Estamos a construír unha galería para recoller todas as imaxes feitas no noso ceo e que non se perdan no barullo das redes sociais. Queres incluír a túa?

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024