Contos de #CeosGalegos20 (ii): o cabo Home

Créditos da imaxe: José P S

Gustamos dos faros. Son fermosos. Alumean na escuridade. O seu ritmo continuo permite orientarse aos barcos. Gustamos das estrelas. Son fermosas. Alumean na noite. O seu movemento indica onde está o norte.

Faros e astronomía, diferentes xeitos de orientar aos mariñeiros ao longo da historia. E aínda seguen a funcionar. Luces escintilantes no ceo e luces intermitentes na costa.

O faro de cabo Home (O Hío, Cangas) é en realidade unha baliza que alumea ata 12 km de distancia cun ritmo de 3 segundos desde o ano 1853. Un fuste cilíndrico e esbelto, chega ao 18 metros de altura, coma un edificio de 6 andares. Supón un miradoiro excelente sobre as illas Cíes e toda a ría de Vigo. Ás costas está toda a península do Morrazo. E serve de marcador  sur da costa da Vela, espazo natural protexido.

No ceo as estrelas deixan os seus ronseis ao xirar ao redor da estrela polar. Fóra do campo, a polar está a unha altura de algo máis de 42º sobre o horizonte, esa é a latidude xeográfica do faro. O autor coñece ben a zona pois é veciño. Paseando de día notou que podía empregar o faro enmarcado nunha imaxe nocturna que apuntara ao norte, cara a zona da ría de Pontevedra. Son as vilas á beira desa ría as que dan o fondo de contaminación luminosa. Tirou unha chea de imaxes, tantas como 400 duns 20 segundos de exposición. Ese tempo non dá para que as estrelas deixen o seu típico ronsel. Pero ao unir as  imaxes mediante un programa astronómico conséguese ese efecto de movemento de rotación. Pero quen rota en realidade é a Terra.

E esta imaxe pasou a formar parte do mes de decembro de #CeosGalegos20 #GalicianSkies20, para sempre.

Poderías gostar de...

Unha eclipse NON total de Sol

Foi por pouco, pero a eclipse non chegaba onda nós. Uns minutos despois do momento no que comezaba a Lúa a se meter na nosa

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

2 comentarios en “Contos de #CeosGalegos20 (ii): o cabo Home”

Os comentarios están pechados.