Contos de #CeosGalegos (iv): o castro maila estrela

Créditos da imaxe: Alfredo Madrigal

Abaixo vemos un castro. Unha vintena de vivendas que hai un par de milenios estiveron ocupadas por unhas ducias de castrexos. É o castro de Baroña (Porto do Son, A Coruña).

Arriba vemos milleiros de estrelas. Moitas delas han de ter planetas, serán milleiros e nunca  saberemos se habitados. Todas as estrelas que se ven teñen denominación, letras e números, que poden variar en función do catálogo no que estean. Só uns poucos centos teñen nome de seu. De feito, aínda foi en 2016 cando a International Astronomical Union (IAU) se decidiu a facer oficiais moitos dos nomes históricos das estrelas máis brillantes.

En 2019, coincidindo co seu centenario, a IAU asignou a un cento de países do planeta Terra unha estrelas sen nome cun só exoplaneta, para seren baptizados. Ao final participaron máis de 780.000 persoas de 112 países diferentes.

A España tocoulle escoller o nome para a estrela HD 149143 mailo seu exoplaneta HD 149143 b. A estrela xa fora descuberta a principios do século pasado, grazas ao traballo de pioneiras da astronomía coma Annie Jump Cannon. Así aparecía por primeira vez nun libro denominado “Catálogo Draper de espectros estelares”. A estrela ten unha cor semellante ao do noso Sol (un espectro semellante); é unha anana amarela pero un pouco máis grande e masiva. No ceo podemos atopala na constelación de Ofiúco e moi preto do bordo coa constelación de Hércules.

Á hora de comezar a votación popular podiamos escoller entre 20 nomes que recibiron un total de 34 000 votos. A proposta gañadora recibiu o 40% dos votos e foi o de “Rosalía de Castro” para a estrela e “Río Sar” para o planeta. Todo un éxito para os seus promotores a Agrupación Astronómica Ío e para todos os que apoiamos a iniciativa.Queres ver á estrela Rosalíadecastro? Precisarás duns prismáticos ou un pequeno telescopio. Tamén podes achegarte pola exposición que os/s mozos/as de Ío prepararon ou no noso #CeosGalegos20 #GalicianSkies20. Porque si, antes de saber o resultado da iniciativa deuse a casualidade de que en dúas das imaxes da nosa edición deste ano tiñamos á que había de resultar única estrela galega no ceo. Esta do castro de Baroña aparecerá no mes de xuño. Achégate por algunha das 40 librarías galegas nas que hai un exemplar para que o comprobes, arriba tes as marcas. Temos outra estrela Rosalía noutra imaxe… xa o descubriremos no seu momento.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024