Contos de #CeosGalegos20 (vi): xeoloxía, natureza, ceo

Créditos da imaxe: Aleixandrus

Un monte permite falar de xeoloxía. Unha lagoa deixa falar de paxaros. A costa consinte en falar do medio mariño. Os límites municipais autorizan falar de xeografía. O ceo nocturno, o ceo nocturno é unha enciclopedia aberta ao coñecemento da humanidade. Podes falar de todo mirando ao ceo.

O monte Louro fai de marco separador da ría de Muros e Noia e as rías Baixas coa Costa da Morte. Os xeólogos chámanlle inselberg ou outeiro testemuño: o sobrevivente á erosión que foi aplanando todo ao seu redor durante milleiros de anos. Resultou nun bloco de granito aillado cos seus dous cumios. Por todo iso é un Lugar de Interese Xeolóxico.

A lagoa do Louro ou de Xalfas goza de varias proteccións oficiais. Serve de refuxio para paxaros como as garzas, a píllara das dunas ou as cercetas e conta con especies vexetais singulares. E como non, réptiles coma ras, escánceres, saramagantas e lagartos. É de auga doce, alimentada polo regato Longarelos.

A costa está a apenas unhas dunas móbiles de distancia, un areal que dúas veces ao ano rompe para verquer no océano o seu contido nun proceso natural. Noutrora resultaba nun acontecemento que aparece na cultura popular; os muradáns chámanlle “rebentar o ingüeiro”.

Os concellos de Carnota ao norte e Muros ao sur comparten territorio desta zona. A natureza non entende de límites artificiais nin humanos..

O ceo nocturno, porén, cóbreo todo. Inmutábel a escala humana, cambiante segundo as estacións, o seu coñecemento lévanos ás orixes da nosa cultura occidental. Aí, a Vía Láctea estrícase de leste (á esquerda) a oeste (á dereita) nesta composición panorámica de 57 fotos verticais unidas en tres fileiras de fotos, varrendo o que no propio lugar requeriría xirar a cabeza uns 180º. Esa nube cósmica aparece abrazada á dereita do monte Louro polos planetas Xúpiter e Saturno, as dúas almenaras máis brillantes neste ceo do pasado mes de agosto. Entre eles, a constelación do Arqueiro (Sagitarius) indícanos onde mirar para buscar o centro da nosa galaxia.A imaxe foi primeiro premio na categoría “paisaxes celestes” das mellores imaxes dos Ceos Galegos 2019, na votación popular que rematou o pasado 5 de xaneiro. Pero xa aparecía na nosa edición de #CeosGalegos20 #GalicianSkies20 abrindo o mes de xaneiro.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024