Ceos Galegos19: premios do xurado “paisaxes celestes”

Categoría “Paisaxes celestes”

Fotografías de paisaxes, mariñas ou perfís urbanos nos que o ceo nocturno ou o solpor teña unha presenza destacada. Imaxes que inclúan horizonte terrestre ou marítimo, elementos naturais, xeolóxicos ou accidentes xeográficos. O xurado do concurso anual das mellores imaxes dos Ceos Galegos 2019 acordou entregar os seguintes premios:

  • Primeiro premio: “Lagoa de Louro” de Alejandro Nieto. Por definición, composición e tema, unha moi fermosa imaxe. Salienta como o arco da Vía Láctea se reflicte no arco da beira do lago: ceo e terra unidos. Un encadre moi acertado, o arco da galaxia xunto á curva do lago danlle á escena unha sensación de espiral en harmonía co contido. A luz da paisaxe fúndese coa luz do ceo, creando a unión entre ámbolos mundos: ceo e terra.
  • Segundo premio: “Costa da Morte estrelada” de Óscar Blanco. A fermosura da Vía Láctea invernal. Non tan luminosa nin destacada como no verán. Pero sempre vistosa, enmarcando como neste caso constalcións coma Orión ou o Touro coas Pléiades por detrás. Na costa, onde a presenza do océano evita en gran parte a contaminación luminosa. O autor tivo que valerse de técnicas manuais para evitar que a luz do faro de estragase a imaxe.
  • Terceiro premio. Ex aequo.
  • “Bioluminescencia mariña” de Alfredo Madrigal. O tipo de foto que calquera quere ter na súa colección, unha foto nocturna con ceo, costa e bioluminescencia no mar. A aparición do efecto bioluminiscente dota á imaxe desa fermosa cor azulada na contorna dalgunhas rochas. O ceo está parcialmente cuberto, pero algúns claros deixan ver o ton verdoso típico da luminescencia ou airglow. A longa exposición fai que o bater das ondas nos cantís quede rexistrado con ese efecto suavizado, espumoso que non lle resta dramatismo ó conxunto.
  • “Solitario” de Enrique García. A pesares da maldita contaminación luminosa dos horizontes é unha imaxe esteticamente moi poderosa. As liñas do cereal segado danlle moita forza. A árbore protagonista parece estar escoitando o firmamento. O arco de estrelas da galaxia envólveo creando un equilibrio visual: as súas escuras pólas compiten coa luz dos extremos da galaxia que parecen arder no horizonte.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

1 comentario en “Ceos Galegos19: premios do xurado “paisaxes celestes””

Os comentarios están pechados.