Costa da Morte estrelada, premio do xurado

Créditos da imaxe: Óscar Blanco

A Vía Láctea domina o ceo todo o ano. Aquí, menos brillante que no verán. Estamos no mes de marzo, a cabalo entre inverno e primavera. Cando miramos á Vía Láctea estamos a mirar cara o exterior da nosa galaxia. Unha zona menos densa, con menos estrelas e menos po interestelar que na época do verán. Pero o marco galáctico é excepcional. A esquerda a estrela máis brillante do ceo nocturno terrestre, a estrela Sirio na constelación do Can Maior. Viaxando cara a dereita vai aparecento a recoñecible constelación de Orión (coas tres estrelas do cinto aliñadas), a brillante Adebarán no ollo do Touro, o grupiño das Pléiades que teñen debaixo ao avermellado planeta Marte (mesmo no centro da imaxe), perdéndose na indefinición destas tomas de longa exposición as constelacións de Perseo, Andrómeda e Casiopea, xa mesturada coa Vía Láctea.

Na parte superior da imaxe albiscamos outras estrelas moi brillantes, Regulus (na constelación do León), Castor e Pollux facendo parella (na constelación dos Xemelgos) e brillando no centro da Vía Láctea a grande Capella, na constelación do Cocheiro.

O perfil terrestre tamén é fermoso, máis alá da contaminación luminosa dos aeroxeradores e as vilas de Camariñas e Muxía, o faro Vilán emitindo a súa luz por riba das rochas de cabo Vilán e despois a negrura do océano desde a Costa da Morte. O propio autor  tivo que bloquear as ráfagas luminosas do faro coa man para que non estragasen a imaxe.

Esta panorámica foi realizada a partires de 12 fotografías unidas dixitalmente para poder admirar todo o ceo de leste a oeste, tiradas cunha cámara Canon 5D mark iv e unha óptica 24 mm.A imaxe mereceu o segundo premio do xurado na categoría “paisaxes celestes” do ano 2019, entregados na gala anual do 19 de xaneiro de 2020.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024