Un raio azul en estéreo

Créditos das imaxes: Fins Eirexas (esquerda) e Antonio Costa (dereita)

O Sol é amarelo. O ceo é azul. O solpor é vermello. A luz do sol é branca. Son todas verdades a medias. Ten moito que ver cos mecanismos biolóxicos da visión humana e os mecanismos físicos da luz atravesando diversos medios. A atmosfera terrestre abráianos ás veces con fenómenos fermosos; ao coñecer a súa natureza física somos quen de explicalos de xeito sinxelo e facelos dobremente fermosos.

No solpor pode aparecer o fenómeno do raio verde. Famoso por protagonizar un libro de Jules Verne inspirado precisamente porque el mesmo o albiscou na súa visita a Vigo no século XVIII. E como Galicia é o país do raio verde, publicamos ese fenómeno nunha imaxe moi verniana o ano 2017, varias veces no ano 2018 e tamén no ano 2019 noutra paisaxe urbana icónica. Pero por que verde? Unha combinación tan complexa que abundan artigos e webs para explicalo profusamente. Aúna varios fenómenos relacionados coa refracción solar (luz branca do sol descomponse nas cores do arco da vella), a dispersión da luz pola atmosfera e o efecto de espellismo (capas máis quentes de aire que provocan que se curve o camiño das raiolas). Se ben tamén pode darse no amencer e na montaña, é máis sinxelo de ver no océano e no solpor. De aí que o noso país, territorio de occidente, teña condicións favorables.

Pero entón, pode haber raios do sol vermellos ou azuis? Pode darse tamén coa Lúa que só reflicte a luz solar? Pois si, tal e como publicamos en varias ocasións. De feito, a comezos do ano 2018 recibimos en primicia o primeiro raio azul do Sol documentado en Galicia. E daquela, no mundo, non chegaba a unha ducia os retratados.

Do que aínda non temos constancia é que o “mesmo raio” azul fora retratado por dous fotógrafos desde dous puntos da costa distintos, con apenas minutos de diferenza. O fenómeno, sen deixar de ser curioso, faise así dobremente raro. E ata daría para facer algún tipo de cálculo ou estudo sobre as condicións atmosféricas dese momento. O evento pasou o 11 de xaneiro ao solpor. Á esquerda, o raio azul nunha imaxe recurtada da orixinal cazado desde Corrubedo (Ribeira, A Coruña), preto da praia de Balieiros. O autor empregou unha cámara Nikon D600 e óptica Nikkor AIS ED 300 mm con duplicador 2X, equiv. 600 mm, sensibilidade ISO 250 e obturación 1/60 s. A hora foi exactamente ás 18:21. Á dereita, tamén recurtada da imaxe orixinal, feita na Lanzada (O Grove, Pontevedra) cunha cámara Canon PowerShot SX70 HS, sensibilidade ISO 200 e obturación 1/2050 s, xusto dous minutos despois.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024

1 comentario en “Un raio azul en estéreo”

  1. Hola. Muchas gracias por tan clara explicación del fenómeno y afortunadas las tierras galegas por tener en abundancia esos rayos tan espectaculares. Un saludo y un beso desde la zona centro.

Os comentarios están pechados.