
Créditos da imaxe: Pablo Martínez Alemparte
No ceo hai millóns de millóns de estrelas. A simple vista podemos albiscar unhas 4 500 desde ceos escuros. Nesta imaxe, tomada con longa exposición, aparecen moitas que non dariamos visto sen prismáticos. Unha delas é especial: a estrela Rosalíadecastro. Pertence aos poucos centos de estrelas que teñen nome de seu. A International Astronomical Union (IAU) é a única entidade que pode asignar nomes a obxectos astronómicos e así o estableceu no pasado mes de decembo.
O ano 2019, coincidindo co seu centenario, a IAU asignou a 112 países do planeta Terra unha estrela sen nome para ser baptizada. As estrelas tiñan unha característica común, un exoplaneta coñecido. Polo tanto hai a posibilidade de que no futuro se atopen máis exoplanetas, que tamén deberán ser baptizados con nomes relacionados co da súa estrela principal. Recibíronse unhas 360 000 propostas de nomes. Durante o periodo de votación popular participaron máis de 420 000 persoas. Non está mal para ser a segunda ocasión en que se realiza semellante campaña de participación popular.
A España tocoulle escoller o nome para a estrela HD 149143 mailo seu exoplaneta HD 149143 b. A estrela xa fora descuberta a principios do século pasado, grazas ao traballo de pioneiras da astronomía coma Annie Jump Cannon. No ceo podemos atopala na constelación de Ofiúco e moi preto do bordo coa constelación de Hércules. E o nome gañador foi o doutra muller, neste caso galega, Rosalíadecastro. Foi a atinada proposta dos promotores a Agrupación Astronómica Ío e un éxito para todos os que apoiamos a iniciativa. Entre os 20 nomes que o comité español recibiu como posibles o noso obtivo o 40% dos votos totais, 34 000 votos.
Queres ver á estrela Rosalíadecastro? Precisarás duns prismáticos ou un pequeno telescopio. Ou ben podes buscala na edición deste ano de #CeosGalegos20 #GalicienSkies20 porque, aínda antes de saber o resultado da iniciativa, deuse a casualidade de que en dúas das imaxes do noso calentario tiñamos a que había de resultar única estrela galega no ceo. Hai unhas semanas xa publicáramos unha delas tirada no castro de Baroña. Desta volta, un primeiro plano realizado desde a zona de Trevinca no concello ourensán da Veiga. O autor empregou unha cámara réflex Sony A6000 cun obxectivo Vivitar 28/70 – 3.5, un tempo de exposición de 2 minutos e sensibilidade ISO 1600.
1 comentario en “Rosalía é unha estrela”
Hola. Muchas felicidades para esta estela por partida doble, pues tiene nombre de mujer poeta y además esta poeta es galega…? Besos. ?
Os comentarios están pechados.