Cágados á auga

Créditos da imaxe: Miguel Sánchez Varela

Imaxina un estanque. De auga. Dentro hai varios cágados. Si, deses que recén nados están a gozar da auga antes de se converteren en ras. Agora, olla a imaxe. Aí os tes. Unha gran nebulosa, o noso estanque. Unha enorme nube de hidróxeno, a nosa auga. Á dereita e arriba do centro, un par de nubes alongadas de gas denso e frío, os nosos cágados cósmicos. Dentro da nebulosa hai moitas estrelas, as nosas ras cósmicas.

A 12 000 anos luz de distancia, na constelación do Auriga, a nube de gas brillante da nebulosa denominada IC 410 ten uns 100 anos luz de diámetro. No seu interior hai un cúmulo estelar aberto chamado NGC 1893. Son estrelas formadas hai só 4 millóns de anos, unha pequenez en termos astronómicos; serían as ras da nosa metáfora. Estas estrelas aportan a luz e radiación que alumean a imaxe. A mesma radiación vai esculpindo os nosos cágados cósmicos, que chegan a uns 10 anos luz de lonxitude. A presión nas súas cabezas comprime o gas que, nuns millóns de anos, conseguirá xerar a reacción de fusión nuclear do hidróxeno dando lugar a novas ras cósmicas ou estrelas.A nosa imaxe foi tirada desde terras arzuanas durante o mes pasado. O autor empregou unha cámara Canon 550D acoplada a un telescopio refractor de 480 mm de focal. Foron necesarias 15 tomas de 10 minutos cada unha, combinadas dixitalmente. Tamén se empregou un filtro H alfa para salientar ese elemento químico que domina a imaxe.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024