Tres eran tres

Créditos da imaxe: Marco Antonio Vilar Sanlés

As galaxias do ceo. Tres galaxias, tres universos illa, unha soa imaxe. Este trío galáctico é tan famoso na astronomía que ten nome de seu: “o triplete de Leo”. Incluso con telescopios modestos poden enxergarse as tres manchas no mesmo campo visual, parte do seu encanto. As tres son galaxias de tipo espiral, como a nosa Vía Láctea. Pero cada unha delas amosa diferentes perspectivas, polas inclinacións diferentes. Teñen cadanseu nome: NGC 3628 á esquerda, M66 abaixo á dereita e M65 arriba.

A primeira aparece de canto, pero albiscamos os corredores de po escurecedor que cortan o plano da galaxia. As outras dúas, M66 e M65, están nunha perspectiva que lles permite fachendear da súa espectacular estrutura espiral. As tres andan a interaccionar entre si pola acción da gravidade. Podemos aprezalo na estrutura algo retorta do disco de NGC 3628, pero tamén nos brazos espirais alongados de M66.

As tres galaxias ocupan no ceo o equivalente a dúas lúas cheas que, para a distancia de 30 millóns de anos luz á que están, son uns 500 milleiros de anos luz de campo.

A imaxe foi tirada desde o patio traseiro do fotógrafo en Castiñeiras (Ribeira, A Coruña) a mediados de febreiro. Precisou de 19 tomas de 300 segundos de exposición a ISO 1600 con Cámara Canon EOS 4000D acoplada directamente ao telescopio reflector Celestron 200/1000. Co posterior procesado informático pertinente.

Poderías gostar de...

Desde a caverna

Cando miramos desde o fondo da espenuca, para ollar a realidade, o abraio pode ser maiúsculo. Na nosa imaxe esa sería a realidade fóra das

A muiñeira das auroras

Estamos a vivir unha tempada extraordinaria. Unha actividade solar en máximos históricos está a provocar que poidamos gozar das auroras boreais desde o noso país.

O lobo oubeando ao cabalo escuro

Na terra, un lobo oubea para indicar o seu mando na grea. No ceo, un cabalo escuro fica impertérrito. A nebulosa dese nome é unha

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2026