Tres eran tres

Créditos da imaxe: Marco Antonio Vilar Sanlés

As galaxias do ceo. Tres galaxias, tres universos illa, unha soa imaxe. Este trío galáctico é tan famoso na astronomía que ten nome de seu: “o triplete de Leo”. Incluso con telescopios modestos poden enxergarse as tres manchas no mesmo campo visual, parte do seu encanto. As tres son galaxias de tipo espiral, como a nosa Vía Láctea. Pero cada unha delas amosa diferentes perspectivas, polas inclinacións diferentes. Teñen cadanseu nome: NGC 3628 á esquerda, M66 abaixo á dereita e M65 arriba.

A primeira aparece de canto, pero albiscamos os corredores de po escurecedor que cortan o plano da galaxia. As outras dúas, M66 e M65, están nunha perspectiva que lles permite fachendear da súa espectacular estrutura espiral. As tres andan a interaccionar entre si pola acción da gravidade. Podemos aprezalo na estrutura algo retorta do disco de NGC 3628, pero tamén nos brazos espirais alongados de M66.

As tres galaxias ocupan no ceo o equivalente a dúas lúas cheas que, para a distancia de 30 millóns de anos luz á que están, son uns 500 milleiros de anos luz de campo.

A imaxe foi tirada desde o patio traseiro do fotógrafo en Castiñeiras (Ribeira, A Coruña) a mediados de febreiro. Precisou de 19 tomas de 300 segundos de exposición a ISO 1600 con Cámara Canon EOS 4000D acoplada directamente ao telescopio reflector Celestron 200/1000. Co posterior procesado informático pertinente.

Poderías gostar de...

Un cometa sobre a catedral?

As apariencias enganan, unha vez máis. A imaxe parece amosar un cometa sobre a catedral de Santiago de Compostela cunha atmosfera postapocalíptica con esa cor

Oito minutos de meteoro

Iso foi o que captou o noso colaborador. Na choiva de meteoros das xemínidas destes días pasaron oitos minutos entre a primeira imaxe e a

Un billón de estrelas

En realidade, nesta imaxe hai moitas máis. Ese é o número de estrelas estimado para a galaxia de Andrómeda, que enche a foto. A veciña

Procura

Subscríbete!

Ceos Galegos 2024